A privatizada illa da Creba foi posta en aluguer para eventos e uso turístico

A illa da Creba (no centro) atópase a 200 metros da Punta Uhía, na parroquia de Esteiro do Concello de Muros. (Foto: @SergioLousame)
Este domingo 8 de maio terá lugar ás 12.30 horas en Esteiro (Muros) a presentación do caderno 'A illa da Creba. Un baldío comunal', editado pola fundación Galiza Sempre. O acto, que levará por título 'Pola recuperación da illa da Creba', decorrerá no local social da Esteirana. Nós Diario fai un repaso sobre a historia desta illa, que fica en mans privadas.

O prólogo do caderno 'A illa da Creba. Un baldío comunal' deixa clara a súa intención xa desde as primeiras frases do prólogo, esta non é outra que contribuír ao "camiño que leve á devolución da illa da Creba ao seu único e lexítimo dono: o pobo galego". En concordancia con esta afirmación, a presentación do caderno que terá lugar este domingo ás 12.30 horas, terá por título 'Pola recuperación da illa da Creba'.

O acto, organizado pola Fundación Galiza Sempre, que tamén edita a publicación, contará coa presenza da responsábel do BNG na comarca de Muros e Noia, Soledad Agra; do membro da Fundación Galiza Sempre, Bieito Lobeira; do autor do caderno, Francisco Abeijón 'Pacucho', e do membro da asociación cultural O Xeito, Rodrigo Molinos 'Bolato'.  

Bolato, que tamén foi portavoz do histórico Comité en Defensa da illa da Creba, en conversa con Nós Diario, explica a loita desenvolvida pola veciñanza de Esteiro, propietaria dos terreos comunais da illa, a partir de que se inscribira parte da mesma como ben privado no Rexistro de Outes en 1922. Tamén relata como esta inscrición é aproveitada para a "construción dunha vivenda en 1981" e de "espigóns, rampla e recheos en 1989 ocupando 5.140 m2 de dominio público marítimo terrestre".

A partir de 1990, "é cando comezamos a traballar máis duro coa presentación de máis de 600 alegacións contra a construción dun peirao". "O pleno de Muros (concello ao que pertence a illa segundo o deslinde xeográfico) acordou non recoñecer a propiedade", mais "a resposta era moi fácil", pois "a propiedade estaba inscrita en Outes".

A toma da illa da Creba

O conflito da usurpación da illa sobordaba os límites municipais, e foi un problema que preocupou a todos os Concellos e Confrarías da contorna. O propio alcalde de Noia naquel tempo, Pastor Alonso, do BNG, tomou parte e cabeceira no acto reivindicativo popular de "okupación" da illa entre o 31 de abril e o 1 de maio de 1990.

Segundo relata a Nós Diario o membro do equipo de Goberno de Alonso e posterior alcalde de Noia, Bieito González, tamén do BNG, "tratouse dun acto reivindicativo sobre a recuperación da illa consistente nunha toma simbólica da mesma para pasar alí a noite e despregar unha gran bandeira da patria".

Unha illa en aluguer

Unha resolución de Costas do Estado en 1999 "denega a ocupación de 2.870 m2 onde se pretendía desenvolver a legalización do peirao", relata Bolato. No 2000 nace o Comité veciñal, que loita pola "cualificación da illa como zona libre". No 2002 hai unha resolución da Audiencia do Estado español, que desestima o recurso administrativo dos titulares privados da illa, que son obrigados a "restaurar a situación previa". Porén, "despois de moito traballo non se lle volveu a tocar á illa da Creba". 

E agora, "construíron unha piscina e a illa está en aluguer en portais turísticos para a celebración de eventos", así que volvemos á loita. "O BNG e a veciñanza levamos tempo traballando neste tema", e diante desta nova situación "imos a redobrar os esforzos para retomar este territorio para toda a veciñanza de Esteiro".

"Imos intentar retomar a loita do Comité a través dunha nova plataforma que inclúa ás confrarías da ría de Muros e Noia", anuncia Bolato. "O peirao cambiou as correntes na illa, e a praia antano produtiva para a extracción de ameixa, da que se aproveitaban os pósitos, hoxe xa non cumpre esta función".

Outras illas privatizadas

Pequenos arquipélagos como as illas Sisargas, na costa de Malpica, son propiedade de particulares. Na Galiza existen illas cun amplo historial de preitos, polo que o da Creba non é un caso illado.

A illa de Ons é hoxe de propiedade pública pero durante séculos foi propiedade privada, primeiro pertenceu á igrexa e posteriormente a nobres e burgueses, que crearon nela a finais do século XIX unha fábrica de salgadura de peixe, coñecida como O Almacén, que atraeu poboación á illa. Ons mostra que é posíbel reverter a privatización.