ECONOMÍA

Paro da frota artesanal galega polas normas de control da UE

Paro da frota artesanal galega polas normas de control da UE

Os cambios introducidos polo Parlamento Europeo na normativa de control da pesca puxeron en pé de guerra a frota galega artesanal. O sector non entende que se lles "criminalice" ao incorporar máis ferramentas nas súas pequenas embarcacións. Esta sexta feira están convocadas a unha parada en sinal de protesta.  
Entrada dunha embarcación no porto de Noia. No peirao outros barcos de pequeno tamaño. (Arxina)
photo_camera Entrada dunha embarcación no porto de Noia. No peirao outros barcos de pequeno tamaño. (Foto: Arxina)

O sector da pesca artesanal galega parará esta sexta feira a súa actividade en sinal de protesta pola nova normativa de control aprobada pola Unión Europea este mesmo mes. Ás 12 horas está previsto que as embarcacións fagan soar as súas sirenas nas diferentes concentracións marítimas confirmadas. "O paro será total", explica a Nós Diario José Antonio Pérez Sieiro, presidente da Federación Galega de Confrarías.

Malia as denuncias públicas realizadas, confirma que até hoxe "non houbo ningunha comunicación que nos dera a entender que se paralizaría esta normativa". Si houbo resposta desde outros territorios que secundarán esta mobilización, como é o caso de Asturies e a localidade de Santa Pola no País Valencià

Medidas inasumíbeis para as pequenas embarcacións 

Entre as confrarías máis afectadas figuran as que están situadas nas Rías Baixas. Un exemplo témolo en Noia, moi especializada no marisqueo nun 95% e cunha frota que supera as 400 pequenas embarcacións que teñen entre algo máis de catro metros e un máximo de seis. O seu apoio á protesta é total e desde a confraría amosan a súa indignación pola proposta de modificación do regulamento de control da pesca aprobada polo Parlamento Europeo.

"Non se ten en conta as particularidades da baixura galega", asegura Adelo Freire, secretario da confraría, "hai un descoñecemento total do que é este sector", engade. Non entende como despois da visita á Galiza da eurodeputada socialista Clara Aguilera para coñecer de perto o seu funcionamento, asuma a iniciativa de impulsar estas modificacións. "Trátannos igual que outros lugares onde non hai ningún tipo de control, como é o caso de Portugal", opina. 

Incrementar o control

A nova normativa incrementa o control obrigando a enviar os datos desde a propia embarcación a través dunha aplicación móbil, instalar un sistema de xeolocalización e cámaras se as embarcacións superan os 12 metros de eslora. "Criminalizan o noso sector, bastante tes con ir ao mar cun barco de catro metros cun temporal como para andar remitindo os datos desde un móbil", asegura Freire.

Explica que agora mesmo en todas as confrarías galegas contan con puntos de control previos á descarga e logo outro na propia lonxa. "En Noia contamos con bateas flotantes para facer o primeiro control". 

En relación á xeolocalización, asegura que ao ser os bancos marisqueiros moi limitados e de día, pola mañá, "é absurdo a súa obrigatoriedade". Ademais do custo económico sinala o traballo de desmontalo cada día para levar á casa. "Se un día non o levas xa non podes traballar". A imposición de cámaras para as embarcacións máis grandes afectaría máis a algunhas confrarías, como o caso na mesma ría de Portosín e Muros.

"Esta medida sinala que a presunción de inocencia non existe", asegura o secretario da confraría de Noia. Aos gastos da instalación habería que sumarlle o deterioro propio de calquera instrumento exposto ás inclemencias do tempo. "O furtivismo a grande escala ás veces vén con catro rodas, non vén do mar", sentencia Adelo Freire.

Os apoios políticos ao polémico novo regulamento de control da pesca

O novo regulamento de control aprobado polo Parlamento Europeo de Pesca contou cunha ampla maioría. A relatora, Clara Aguilera (PSOE) sumou 439 votos a favor, 190 en contra e 66 abstencións.

Entre os apoios figurou o PP e o PNV. Desde o primeiro, o eurodeputado Francisco Millán Mon chegou a afirmar que "con este Regulamento avanzamos na loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, así como no control das importacións de terceiros países".

Nesta mesma liña, a eurodeputada Izaskun Bilbao (PNV) subliñaba que a revisión do regulamento "apoiará os dereitos de consumidoras e consumidores" e referiuse ao "enorme esforzo" que o sector está a facer "para someterse a un control dixital continuo e estrito".

comentarios