Os campos de concentración de Muros

A posta en funcionamento dos campos de concentración de Muros responden ás necesidades derivadas da política represiva instaurada polo franquismo e da propia lóxica do conflito bélico no norte peninsular. A caída da fronte norte, tras a derrota do exército popular en Asturias e Cantabria, impulsa a apertura dunha rede de centros de reclusión ao longo de toda a xeografía galega. Eis un extracto da peza publicada ao respecto no número 337 de Sermos Galiza.

Lugar en que se atopaba un dos campos
photo_camera Lugar en que se atopaba un dos campos

mini3A comezos de novembro de 1937 entran en funcionamento os dous campos de concentración no concello de Muros. Un deles, o campo de Anido, situarase na parroquia de Serres, nunha fábrica conserveira propiedade de Xosé Romaní, formada como a práctica totalidade das conserveiras dos cataláns por unha casa habitación para uso dos propietarios e unha nave anexa á vivenda próxima á ribeira. O inmóbel, actualmentereconvertido nun negocio hostaleiro, carecía naquela altura de actividade industrial, sendo acondicionado para acoller os presos cun cercado de arame de espiño no terreo exterior. O outro, o campo de Vieta, instalado no cabo de Muros, era outra fábrica de conserva propiedade tamén dunha familia catalá, neste caso de Xaquín Vieta, dono do primeiro navío que entrou cunha bandeira galega no porto de Vigo,formada como a anterior por unha vivenda e nave contigua e que naquel momento tampouco contaba con actividade.

Os campos de concentración de Muros chegaron a acoller máis de oitocentos detidos. Segundo os dados fornecidos por Xesús Costa e Xesús Santos, as persoas que máis e mellor estudaron os centros de confinamento franquista na zona da Barbanza, o campo de Anido chegou a sumar cincocentos detidos, pasando o de Vieta dos trescentos reclusos. O primeiro continxente de reclusos chegou a Muros o 6 de novembro de 1937 no vapor Llodio, engadíndoselle aos poucos días outros grupos deles desprazados por estrada desde A Coruña, manténdose abertos até finais de febreiro de 1938, candoo groso dos detidos son dislocados ao campo de concentración de Rianxo e de Camposancos en Tui.

A maioría dos reclusos confinados en Muros correspondíanse con soldados do exército popular que tiñan participado en accións de combate nos diversos escenarios da fronte norte, sendo na súa maioría de orixe asturiana e vasca, porén outra parte estaba formada por detidos gobernativos, neste caso con presenza importante de galegos.

Apoio veciñal

As condicións de vida dos reclusos eran pésimas. Unha mala alimentación, o frío, a ausencia de condicións hixiénicas mínimas -se ben contaban cunha bacía para o aseo persoal-, a falta de medicinas e a ausencia de espazos para ouriñar e defecar -que se realizaba directamente sobre o mar- son exemplos de abondo ilustrativos do día a día dos detidos. A penuria dos reclusos só era minguada pola solidariedade da veciñanza de Muros, efectiva desde o primeiro momento da chegada a localidade, até o punto de que o alcalde abriu expediente a diversas persoas por “organizar colleitas para os roxos presos en Vieta” xa en novembro de 1937.

[Podes ler a peza íntegra no número 337 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios