O Partido Popular é a única formación da Cámara galega que apoia a nova norma

O prezo da auga subirá na Galiza máis de 60% coa lei que debate o Parlamento

Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ourense. (Foto: Xon Crespo)

A vindeira semana o Parlamento da Galiza aprobará a nova Lei do ciclo integral da auga. A iniciativa, rexeitada polas forzas da oposición e pola propia Fegamp, significará un incremento no prezo da auga de, aproximadamente, 60%. A súa entrada en vigor adianta unha importante conflitividade social no país.

O proceso de tramitación do proxecto da Lei do ciclo integral da auga chega ao seu punto final. Após ser aprobada na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento da Galiza a pasada semana, o pleno da Cámara daralle, definitivamente, luz verde á norma na súa sesión de 28 de xuño cos votos favorábeis, segundo o anunciado, dos deputados do Partido Popular. Precisamente, o Goberno galego vén defendendo en solitario desde hai máis dun ano os beneficios do novo modelo, mentres os concellos galegos agrupados na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) denuncian un importante aumento na factura dos usuarios.

A Fegamp cifra a suba do recibo da auga en 60%. Así, nun estudo elaborado pola entidade, estímase que “nunha familia de tres membros cun consumo ao redor de 39 metros cúbicos, a factura aumentaría arredor de 60%”. Na mesma liña, o deputado do BNG, Luís Bará, sinala que “a Lei do ciclo integral da auga ten como principal obxectivo incrementar brutalmente a carga fiscal da Administración galega sobre o ciclo da auga”. Pola súa parte, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nega esta posibilidade, sinala que “vai axudar os concellos na xestión profesional da auga” e adianta a súa entrada en vigor “para finais deste verán”.

As cifras da Xunta

O informe económico financeiro que acompaña a Lei do ciclo integral da auga non deixa dúbidas do seu impacto nos petos dos usuarios. Así, recolle que a taxa de xestión de depuradoras vai incrementarse en máis de 150%, pasando de representar 5,8 millóns a 12,4. Ao tempo, introdúcense modificacións na consideración na taxa de xestión de colectores e no canon da auga para aumentar a súa capacidade recadadora e créase co mesmo obxectivo o canon de xestión do abastecemento. Na mesma orientación, fíxase un aumento nos custos de xestión das depuradoras de 28 concellos galegos, que implica unha alza de 7,6 millóns de euros. Sen ir máis lonxe, a suba por este concepto para os veciños de Gondomar é de 502.000 euros, para os de Pontevedra de 1,6 millóns de euros, para os de Ribadeo de 502.000 euros, para os da Pobra do Caramiñal de 114.000 euros e para  os de Melide de 237.000 euros.

Ciclo da auga

O debate, cuxo eixo central está ser a alza do custo da factura para os usuarios, deixa ao descuberto os problemas de planificación do ciclo da auga na Galiza. Malia que a Xunta dispón de competencias plenas en depuración de augas residuais desde 2001, cando a denominada Lei de rías declara de interese xeral do Goberno galego a totalidade do servizo de depuración de augas residuais urbanas, o Executivo de Feixoo e, agora de Rueda, non ten elaborado a esta altura ningún plan de xestión integral do ciclo da auga. Neste sentido, destacan os incumprimentos das obrigas recollidas na Lei de augas de 2010, onde se fixa a obrigatoriedade dun plan xeral de abastecemneto e dun plan xeral de saneamento.

O proxecto de Lei do ciclo integral da auga deixaría a Xunta sen as súas responsabilidades nesta materia, imputando a concellos e particulares novos tributos. Así, procédese a modificar o canón da auga, marcando unha nova cota para persoas usuarias da rede e entidades titulares das liñas de abastecemento e incrementando a contía actual cando non acaden o obxectivo de reducir as perdas do sistema en 20% da auga captada.

Dúas novas taxas

A norma transforma o coeficiente de vertedura en dúas novas taxas. A primeira delas, o canón de depuración, fixa unha nova fórmula de cálculo que incrementa o seu custo e introduce a obrigatoriedade do seu pago para a auga procedente da choiva. A segunda, o canón de colectores, introduce un novo tributo para concellos e veciñanza, obrigados a pagar unha taxa polos colectores que xestiona o Goberno galego, separando as depuradoras dos colectores da entrada dos mesmos. Ao tempo, crea, tamén, un canon de abastecemento para aquelas infraestruturas desta natureza que xestiona a Xunta da Galiza.

Unha norma sen consenso

O presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, considera que “é moi importante a xestión da auga e corrixir as deficiencias que poida ter, e entendemos que unha lei tan importante ten que ter o consenso de todas as Administracións que participen nela”. Porén,  isto non foi así.