Recorren ante o TSXG tres parques eólicos de Greenalia

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo (Foto: Greenalia).
Adega e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica presentan senllos recursos contencioso-administrativos ante o TSXG contra os proxectos Bustelo, Campelo e Monte Toural, que serían obxecto, segundo as entidades ecoloxistas, de "fragmentación artificial".

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC), como representantes de todas as entidades que fan parte do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica (FDXCC), veñen de presentar tres recursos contencioso-administrativos ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) contra a aprobación, por parte da Xunta, de tres parques eólicos promovidos por Greenalia.

Trátase, en concreto, do 'macroparque' que conformarían os proxectos Bustelo, Campelo e Monte Toural, nos municipios de Carballo, Coristanco, Santa Comba e Tordoia, que se situarían "nunha mesma área xeográfica" e compartirían "accesos, liñas de evacuación e estación transformadora".

O Consello da Xunta declarou estes tres parques "proxectos de interese especial", ao abeiro da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais (2017), unha denominación que implica a tramitación prioritaria e a redución á metade dos prazos de instrución, alén de recoñecer a "prevalencia da utilidade pública dos parques por riba de calquera outra", lembran desde o colectivo.

As entidades ecoloxistas presentan esta batería de alegacións por mor da "clara fragmentación artificial dunha única central eólica en tres proxectos diferentes para non superaren individualmente os 50 megawatts (MW) e seren tramitados a través da Xunta, beneficiándose do procedemento exprés e das prebendas lexislativas aprobadas por Alberto Núñez Feixoo.

Alén da fragmentación artificial, da que os colectivos lembran que existe xurisprudencia recente do TSXG, "as tres instalacións promovidas pola empresa da ex conselleira [de Medio Ambiente] Beatriz Mato fican sobre unha área proposta en 2008 e 2011 para ser incorporada na Rede Natura 2000", e que recolle "endemismos botánicos únicos".

Adega e a PDCC confían en que a Xustiza tome en consideración estes recursos "e aplique a súa propia e recente xurisprudencia para anular as recentes autorizacións da Xunta".

"Agardamos tamén que estes recursos sirvan de precedente na defensa dos espazos naturais que foron obxecto das propostas de ampliación da Rede Natura 2000 ou de aqueles que acollan singularidades ambientais de especial relevancia como endemismos ou especies en perigo de extinción", sosteñen, ao tempo que acusan o Goberno galego de estar "máis preocupado" en "favorecer as empresas amigas" que por "salvagardar o patrimonio natural e os dereitos da cidadanía".