As portas xiratorias entre o Partido Popular da Galiza e as compañías enerxéticas

As eléctricas marcan a política eólica da Xunta

A moratoria de 18 meses na tramitación dos parques eólicos fixada na Lei de acompañamento dos orzamentos de 2021 non resulta de utilidade. A maiores das excepcións marcadas na propia normativa, o Goberno galego traballa con novas medidas coa vista posta en axilizar os proxectos eólicos.

Parque eólico no Monte Seixo na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla).
photo_camera Parque eólico no Monte Seixo na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla)

O pasado 18 de xaneiro, nunha comparecencia conxunta coa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, o presidente da Xunta da Galiza avanzou novas propostas para axilizar complexos eólicos en zonas actualmente prohibidas. Así, Alberto Núñez Feixoo apuntaba a unha emenda ao proxecto de Lei de áreas empresariais co obxectivo de dar “prioridade na tramitación” a aquelas compañías “que constrúan parques eólicos na comunidade e destinen 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo da enerxía (PPA)”.

A proposta de Feixoo non sorprendeu aos colectivos ecoloxistas e ás forzas da oposición parlamentaria. Neste sentido, o Partido Popular xa tentara introducir a última hora na Lei de acompañamento dos orzamentos unha proposta nesa dirección, finalmente rexeitada por incumprir o procedemento legalmente estabelecido para a súa tramitación. Precisamente, esta proposta chegou após solicitar a Asociación Eólica da Galiza (AEG), a patronal do sector, “medidas de reactivación e estímulo” para as compañías produtoras de enerxía renovábel.

“Iniciativas empresariais prioritarias”

A emenda dos populares reclamaba “considerar iniciativas empresariais prioritarias os proxectos regulados na lei 8/2009, do 22 de decembro, que conten con permiso de acceso e conexión firme e vixente, con cuxos promotores se subscriba un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo, garantindo polo menos o 50% do seu consumo de enerxía, cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial no territorio da comunidade autónoma da Galiza, vinculado aos devanditos proxectos e ao centro de traballo determinado de que se trate”.

A medida semella pensada para favorecer determinadas compañías con proxectos en zonas prohibidas, duramente contestados socialmente e, mesmo, informadas desfavorabelmente polo Goberno galego. Neste situación atópanse Capital Energy e Greenalia, eléctricas con importantes intereses no norte galego e que anunciaron a finais de decembro de 2021 un preacordo coa multinacional Alcoa para fornecer electricidade a súa factoría de aluminio e alumina de Cervo desde algúns dos parques en tramitación nas comarcas da Mariña, Meira e Terra Chá.

Greenalia, concretamente, comprometeu con Alcoa, “a subministración de enerxía renovábel por unha cantidade de até 2.297 xigawatts  hora e ano” e “18 proxectos, todos eles na Galiza, cun potencial total de até 895 megawatts”. A empresa enerxética salientou entón que "584 megawatts" correspóndense con proxectos eólicos no norte da Galiza, "con acceso e conexión por parte de Rede Eléctrica Española na subestación eléctrica de Xove, á beira das instalacións de Alcoa”. Porén, Greenalia eludiu apuntar que algúns deles, como Borrasca, con 84 megawatts, Monzón, con 50,4 megawatts,  Boura, con 72,8 megawatts ou Ventisca, con 89,6 megawatts, foron informados desfavorabelmente pola Xunta da Galiza.

Greenalia e o PP

A mudanza lexislativa promovida por Feixoo pode permitir a Greenalia sacar adiante algúns deses proxectos situados fóra das zonas autorizadas no Plan sectorial eólico. Precisamente, esta compañía foi sinalada polas súas conexións co PP, até o punto de que dous ex conselleiros deste partido fan parte do seu consello de administración. Un deles é Antonio Couceiro, ex responsábel de Industria e Comercio con Manuel Fraga, presidente do Deportivo da Coruña e con conexións fluídas co sector eólico desde o inicio da actividade na Galiza.

A ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato tamén se senta no consello de administración de Greenalia desde a súa dimisión como voceira do Partido Popular na corporación local da Coruña. Deputada do PP, candidata á alcaldía da cidade herculina e membro de diversos Executivos de Feixoo, sendo máxima responsábel de Medio Ambiente en 2017 outorgou a Greenalia diversas autorizacións para pór en funcionamento a central de biomasa en Teixeiro (Curtis), librándoa de someterse ao proxecto de avaliación do impacto ambiental común.

O caso de Greenalia non é unha excepción. Anteriores responsábeis gobernativos do Partido Popular teñen dado anteriormente o paso desde a Administración pública ás empresas enerxéticas. Un dos casos máis significados é o de Ramón Ordás Badía, director xeral de Industria entre 1999 e 2005, cuñado do primeiro accionista de Ecoener Luís Castro Valdivia e director de Endesa en Portugal tras a súa saída do Goberno galego en 2005.

Comentarios