Rebeca Blanco-Rotea: "Non debemos asumir que precisamos todos os parques dispostos no Plan Eólico"

Rebeca Blanco-Rotea (Vigo, 1973) é arqueóloga, historiadora e coordinadora do informe que vén de presentar o Consello da Cultura sobre o impacto dos eólicos no patrimonio natural, paisaxístico e cultural. En conversa con 'Nós Diario', salienta a necesidade de aplicar unha moratoria a todos os proxectos en trámite.
Rebeca Blanco coordinou o informe do CCG sobre os eólicos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rebeca Blanco coordinou o informe do CCG sobre os eólicos. (Foto: Nós Diario)

Vostede vén de coordinar o informe Enerxía eólica e paisaxes culturais na Galiza, que analiza o impacto dos aeroxeradores sobre o patrimonio. Por que o Consello da Cultura decidiu tomar parte neste conflito social que está a axitar o país nos últimos meses?

O Consello da Cultura Galega é un organismo de alta asesoría en todo o referido á cultura e o patrimonio. De feito, é o máximo órgano consultivo da Xunta neste eido, mais tamén o é para a sociedade xeral. O noso cometido debe ser velar porque o noso patrimonio se protexa, divulgue e salvagarde.

E, sobre todo desde 2018, estamos a recibir moitas solicitudes de diferentes organismos, asociacións culturais, fundacións e mesmo concellos pedindo que elaborásemos informes para proxectos concretos. Mais nós non debemos entrar nun informe de parte se non o solicita a Xunta, por iso, ante a gran demanda social que había, decidimos facer un informe global que analizase o impacto da eólica sobre as paisaxes, o patrimonio cultural, a toponimia, o contexto socioeconómico... Criamos que era a nosa obriga.

No documento sinalan que a enerxía eólica experimentou un "forte desenvolvemento" entre 1995 e 2009 "á marxe da planificación territorial" e erguendo numerosos aeroxeradores dentro da Rede Natura 2000. Foi un erro actuar así, de forma precipitada?

Si, sobre todo porque debemos ter en conta que formamos parte desde 2007 do Convenio Europeo da Paisaxe, que di que os Estados que o ratificaron teñen que buscar unha harmonización entre a produción destes sectores extractivos e a conservación dos valores do territorio.

As paisaxes son un elemento primordial nas nosas sociedades e economías, mais aqueles parques eólicos de primeira xeración creáronse nunha situación moi diferente á actual.

Nós non cremos que haxa que oporse ás renovábeis, mais si que é o momento de parar, de revisar o Plan Sectorial Eólico da Galiza (PSEG) e sometelo a unha avaliación ambiental estratéxica.

Por que cre que cómpre revisar o PSEG?

Unha cousa é a avaliación do impacto dun parque eólico sobre un determinado territorio e outra a avaliación ambiental estratéxica. Coa primeira estás a admitir a implantación dese parque e mides cal vai ser o seu impacto e que medidas correctoras se poden aplicar para palialo, mais non cuestionas se ese parque ten que ir ou non aí. Iso faino a avaliación estratéxica, por iso hai que revisar o PSEG e non asumir que temos que construír todos eses aeroxeradores.

Na Galiza, por como se forman os solos, temos un exemplo moi claro. Hai moito patrimonio que fica oculto e só podemos observalo cando facemos unha intervención directa sobre o terreo. Coa lexislación actual non é preciso elaborar un informe sobre elementos patrimoniais que non estean catalogados como tales, polo que se non facemos esa avaliación previa podemos estar a destruír parte do noso patrimonio con estes parques eólicos.

É o caso das torres de Teodomiro, achadas recentemente no monte do Gato (Oza-Cesuras) a través dunha prospección 
arqueolóxica.

Por exemplo. Por iso precisamos instrumentos de ordenación do territorio que teñan en conta que país queremos, que queremos conservar e, sobre todo, que cumpra as normativas galegas, estatais e europeas.

En que medida afectan as instalacións eólicas ao patrimonio natural e cultural do país?

O impacto dos eólicos non se limita á alteración estética e visual da paisaxe, senón que muda o territorio e racha a conectividade entre diferentes lugares. Os parques transforman os sistemas produtivos tradicionais e supoñen un impacto sobre a contorna como elemento físico, mais tamén como elemento de sostibilidade e da economía que temos que compatibilizar. Isto é o que tentamos plasmar no informe.

A moratoria anunciada pola Xunta non afectará os perto de 300 proxectos que xa están en trámite. Considérao suficiente?

Nós pedimos unha moratoria que se estenda aos parques en trámite para poder revisar o PSEG, ver que impacto tivo na economía e o territorio, como afectan á biodiversidade, o patrimonio natural e cultural... E a partir de aí artellar un plan estratéxico. Precisamos tantos parques eólicos na Galiza? É suficiente cos que xa temos? Que capacidade de carga temos sobre o territorio? Até onde podemos chegar? Son unha serie de preguntas que creo que a Administración debería facerse, e para iso precisa contar con persoas expertas que a asesoren na materia.

Un equipo multidisciplinar

O equipo que elaborou o informe do Consello da Cultura Galega (CCG) confórmano, alén de Rebeca Blanco-Rotea, o xurista Carlos Amoedo Souto, a arquitecta Teresa Nieto Freire, o xeógrafo Augusto Pérez Alberti, o economista Xavier Simón e os arqueólogos David Barreiro Martínez e Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez. "O tema da enerxía eólica é moi poliédrico, porque alén da necesidade de introducir as renovábeis no noso territorio afecta aspectos como a economía, a xeografía, o patrimonio, a enxeñaría... Polo que consideramos que había que conformar un equipo con persoas expertas en todos estes eidos, ás que debiamos escoitar e facer que participasen", salienta a coordinadora do estudo, responsábel da sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG e vogal da institución.

Comentarios