A práctica totalidade das paralizacións de parques eólicos ordenadas polo TSXG continuarán malia sentenza do Supremo

Obras no parque eólico de Acibal (comarca de Caldas), en outubro, días antes de paralizar as obras. (Foto: Amil Sen Eólicos)

 Non se consola que non quere. As valoracións da patronal eólica e da Xunta da Galiza respecto a sentenza do Tribunal Supremo sobre parque de Corme, en Ponteceso, teñen máis de propaganda que de realidade. Uns e outros saben que a práctica totalidade das paralizacións de proxectos eólicos ordenadas polo TSXG continuarán.

A Sala de contencioso-administrativo do Tribunal Supremo (TS)  nunca se equivoca de bando cando se trata de optar entre os intereses xerais e ambientais e os das grandes corporacións económicas.  Se o pasado 7 de febreiro fallaba a favor da continuidade de Ence na ría de Pontevedra, revogando un auto da Audiencia Nacional, nesta sexta feira resolvía a prol de EDP anulando unha resolución xudicial do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

O órgano xudicial, presidido por un dos máis recoñecidos representantes da dereita xudicial e antigo presidente do TS, Carlos Lesmes, anulaba o 22 de decembro a autorización administrativa para proceder a repotenciación do parque eólico Corme G-3, ao non considerar precisa a presenza dos informes sectoriais dos proxectos antes do trámite de información pública.

A sala de Carlos Lesmes

A sentenza do Supremo botaba, así, por abaixo un dos argumentos empregados polo TSXG para anular o proxecto. Neste caso, o órgano xurisdicional galego apuntaba que “o artigo 36.1 de Lei de avaliación ambiental impón que os informes sectoriais deban obterse antes do trámite de información pública, pois respecto diso sinala que ‘esta información pública levarase a cabo nunha fase do procedemento substantivo de autorización do proxecto”.

A necesidade de informes xudiciais previos non é o fundamento de dereito central nos autos emitidos polo TSXG para paralizar ou anular as licenzas dos parques eólicos. Así, por exemplo, nos paradigmáticos casos de Campelo, Bustelo e Monte Toural, na comarca de Bergantiños e Xallas, o Alto tribunal galego pon o foco na fragmentación indebida dos proxectos e no incumprimento da normativa ambiental.

Os mesmos fundamentos de dereito utilizáronse na suspensión cautelar da licenza do parque de Campo das Rosas, entre os concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo Cotobade ou de Monte Acibal, entre Barro, Campo Lameiro e Moaña. O incumprimento da normativa ambiental e patrimonial explican, tamén, a anulación das instalacións de Oribio, entre Samos e Triacastela, e de Sasdónigas, en Mondoñedo, ratificadas polo Tribunal Supremo.

Pérez-Lema

O avogado e director de Pérez-Lema asociados, un dos despachos xurídicos con máis experiencia en cuestións eólicas, Xoán Antón Pérez-Lema explica a Nós Diario que “a cerna das impugnacións xudiciais e das paralizacións dos proxectos non se basean na ausencia dos informes previos senón nos defectos materiais dos proxectos como a vulneración da lexislación ambiental ou a fragmentación”.

Pérez-Lema lembra que “a propia sentenza do Tribunal Supremo estabelece no seu fundamento dereito sétimo que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza poderá solicitar en casos excepcionais que considere necesario os informes sectoriais e previas”.

 

O director de Pérez-Lema asociados  considera que “o máis importante é que a determinación  dos defectos materiais dos proxectos correspóndelle ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza que será, finalmente, quen determine que proxectos deben ir ou non ir adiante”.

Fernando de Abel

O profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC)  e especialista na materia, Fernando de Abel, sinala a Nós Diario que “a ausencia de informes sectoriais previos foi un dos argumentos empregados nos autos de paralización de proxectos eólicos polo TSXG” porén destaca que “na totalidade dos parques anulados a Greenalia  a razón de fondo é a indebida fragmentación dun único parque en varios”.

De Abel apunta que “esta Sentenza, malia revogar a previa do TSXG, en modo algún debe ser interpretada, nin moito menos, como unha solución definitiva á litixiosidade que se ten fromulado nos últimos tempos a respecto do desenvolvemento eólico en Galiza.

O xurista da USC significa que “nas impugnacións xudiciais que ata o momento presente tiveron lugar das autorizacións outorgadas pola Xunta da Galiza para a instalación de parques eólicos téñense alegado, alén da non posta a disposición da cidadanía dos informes sectoriais, outros motivos impugnatorios referidos directamente á vulneración da normativa nacional, comunitaria e internacional sobre o medio ambiente”.

‘Resolve o problema de EDP en Corme e pouco máis’

Os directivos de compañías eólicas consultadas por Nós Diario partillan algúns destes argumentos. Neste sentido, varios deles sinalan que “a sentenza do Tribunal Supremo resolve o problema de EDP en Corme e pouco máis “. Porén, non agochan que “lle da forza a aqueles que queiran meter presión ao TSXG”.

Un destes dirixentes empresariais expresa que a sentenza sobre o parque de Corme lle xerou “estrañeza” porque “o Tribunal Supremo entra a valorar os prazos do período de exposición pública cando iso non é obxecto de casación pola parte recorrente”.

Fernando de Abel é da mesma opinión. Nesta liña, asegura que “a sentenza, vai mais aló desa fixación da cuestión de interese casacional obxectivo, pois entra tamén na redución do prazo de exposición pública a 15 días, estimando que a mesma se axusta a dereito”. Neste perspectiva, resalta que “a cuestión resulta relevante, pois unicamente declarando a legalidade desa redución de prazos, non admitida expresamente como cuestión casacional obxectiva, podería como así se fixo- casar a sentenza do TSXG e declarar a legalidade das autorización outorgadas”.