O PP fica só na defensa da celulosa de Altri: As alcaldías de Arzúa, Antas de Ulla e Palas de Rei toman a palabra

A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar Porto (PSOE); na parte superior, o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril (BNG), e na inferior, o de Palas de Rei, Pablo Taboada (PP).
Os responsábeis políticos dos concellos afectados polo proxecto de Altri sitúanse entre apelar á legalidade vixente e falar da “mentira” arredor da macrocelulosa en Palas de Rei. O PP baixou o ton e abandeira agora o estrito cumprimento da lei e BNG e PSdeG deixan claro o seu “non” á celulosa.

Os alcaldes de Palas de Rei (Pablo Taboada, PP), Arzúa (Xoán Xosé Carril, BNG) e Antas de Ulla (Pilar Porto, PSdeG) teñen no seu territorio o que a Plataforma Ulloa Viva cualifica de "bomba ambiental", en relación ao proxecto de Altri. Os tres explican a Nós Diario a súa toma de posición en relación á fábrica, os posíbeis efectos ambientais e socioeconómicos, a contestación social xerada entre a súa veciñanza e o comportamento dos seus propios partidos a respecto da problemática.

O período de alegacións semella ser o único punto en común entre os tres rexedores. Pablo Taboada insiste en que “estamos en período de alegacións. Estamos estudando o proxecto por se vemos algunha cousa susceptíbel de presentar alegacións. De momento estamos en prazo e o equipo técnico do Concello está a estudar". 

No caso do Concello de Arzúa, cuxo Goberno local xa se pronunciou en contra, Xoán Xosé Carril expón que “estamos en contra deste macroproxecto pola repercusión que pode ter en todo o país, e en concreto en Arzúa. O grupo de Goberno estamos todos de acordo (BNG, PSOE e Alternativa por Arzúa), en presentar unha alegación contra a instalación de Altri”.

En Antas de Ulla, Pilar Porto tamén posicionou o Goberno local: "Nós non estamos a favor como macrocelulosa, que é o que temos entre as mans, por moito que se queira camuflar e disfrazar”.

Celulosa e lyocell

O que ía ser unha fábrica de fibras téxtiles sustentábeis aparece agora no Diario Oficial de Galiza (DOG) cunha produción de 400.000 toneladas de celulosa e 200.000 de lyocell. As comparación con Ence, na ría de Pontevedra, son inevitábeis. O alcalde de Palas de Rei asegura que “Ence leva anos na ría de Pontevedra, cunhas técnicas de fabricación daquel momento. Esta é unha fábrica distinta, entendo que non ten nada que ver con Ence”. No BNG, non opinan o mesmo, o alcalde de Arzúa ten claro que “os políticos tamén fomos enganados. Agora que se coñece o macroproxecto, sabemos que estiveron mentindo”. Ao respecto, a alcaldesa de Antas di que “non nos parece que esta industria sexa a axeitada para un territorio como a Ulloa. Cando hai tres anos se empezou a falar del, non se presentaba como o que hoxe está no DOG, presentábase como un proxecto para a fabricación de fibra téxtil, un proxecto que fechaba o círculo e sostíbel, cousa que vemos que hoxe non sucede”.

O Camiño de Santiago e a súa posíbel afectación, o sector agrogandeiro e o suposto emprego que Altri podería xerar na zona tamén é motivo de disensos entre os rexedores. No caso do Camiño de Santiago, o alcalde de Palas de Rei recoñece que o proxecto “terá que ter informe de Patrimonio, pola zona de influencia do Camiño, pois non está na zona máis inmediata pero si na zona de amortecemento". O de Arzúa, tamén afectado directamente pola afectación no Camiño Francés, é contundente e afirma que “o Camiño de Santiago pode chegar a desaparecer se en Palas hai unha cheminea de 75 metros emitindo gases. Isto podería afectar ao negocio na zona en máis dun 50%. Os hostaleiros están preocupados, Arzúa ten máis de 100 estabelecementos hostaleiros”.

En Antas de Ulla, a alcaldesa refírese ao engano dos 2.500 postos de traballo, explica que “o proxecto que se presenta agora non dá os 2.500 empregos directos que se dicían. A empresa recoñece que serán arredor de 400 directos e moitos deles cualificados, segundo me dixo o director do proxecto nunha reunión que tiven con el”. O rexedor de Palas de Rei insiste nas súas cifras, “desde un primeiro momento eran entre 2.000 e 2.500 postos de traballo, directos e indirectos. Son as cifras que nos transmiten. É un proxecto que xera moito emprego, que tamén beneficia produtores forestais e industrias téxtiles”.

No caso de Arzúa, o alcalde rebate as cifras anunciadas, “menten, foron reducindo a cifra e xa falan de postos indirectos. En Arzúa, os empresarios están preocupados polo emprego que ofrece Altri porque hai empresas que non atopan traballadores agora. Altri vai destruír máis empregos dos que pode crear”.

Loita veciñal

Nós Diario preguntou aos tres alcaldes polo feito de que fose a veciñanza a primeira en tomar posición sobre o proxecto. Coinciden en recoñecer a “evidente contestación social” e cada un deles explica como está a xestionar a mobilización de persoas afectadas nos seus respectivos Concellos. En Palas de Rei, Taboada refírese á "contestación social evidente". "É normal que haxa voces a favor e en contra, eu xa escoitei de toda índole. Agora é o momento de pór sobre a mesa todas as cuestións para mellorar o proxecto, e facelo de maneira tranquila como noutras ocasións, nunca houbo ningún problema", engade.

O rexedor do PP recorre mesmo a conflitos anteriores con proxectos na zona, e chega a asegurar que “hai moitos anos tivemos que dicir que non a unhas minicentrais que se proxectaban no Ulla. Se Altri non cumpre coa normativa, o camiño será similar”. 

En Arzúa, Carril alude á escasa información sobre o proxecto até que foi publicado no DOG e insiste en que “os políticos e a cidadanía fomos enganados”.

En Antas de Ulla, Porto defende que o PSOE "non tardou en posicionarse". Explica a rexedora socialista que “nós, como organización política, damos pasos firmes, non somos de facer ruído, somos de analizar, temos os nosos órganos internos. Eu creo que é un erro dicir que o PSdeG non tivo un posicionamento claro porque eu hai máis de 15 días escoitei o meu compañeiro José Tomé, presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral na provincia, dicir alto e claro: postos de traballo si, a calquera prezo non, celulosa non”. 

Máis aló do labor político que cada un realiza no seu territorio, o feito é que os tres teñen xa constancia de que as súas veciñas e veciños están preocupados pola instalación de Altri na zona. O alcalde de Palas de Rei recoñece que “ao Concello vén moita xente preocuparse pola relación de bens e dereitos afectados para a localización da planta, para ter claro se as súas parcelas están afectadas. É raro o día que non pasen entre 10 e 20 persoas que queren informarse de que maneira lles afecta”. Precisamente foi na reunión cos técnicos de Altri en Palas de Rei a semana pasada onde saltou a preocupación das persoas afectadas ao saber que a empresa portuguesa nin sequera negociara o Predio Quintas no que basea o seu proxecto. Taboada afirma ao respecto que descoñece "cales son os acordos entre empresa e propietario, son acordos privados. Nós aquí xa vivimos varias expropiacións. A expropiación é a última posibilidade diante dunha situación de negatividade. Son acordos de venda, de conformidade, cada un terá que defender os valores das súas propiedades”.

Nos casos de Arzúa e Antas de Ulla as posíbeis expropiacións non son unha afectación directa, pero si hai preocupación sobre o Queixo de Arzúa-Ulloa. Carril sinala que “é o segundo queixo máis vendido do Estado, o primeiro na Galiza, e tamén se vería afectado. O Consello Regulador terá que pronunciarse. A contaminación de Altri provocará que os pastos non sexan os mesmos e tampouco a calidade do leite. Hai gandeiros da zona que advirten de que acabarían fechando”.

En Antas de Ulla, a alcaldesa identifica o responsábel da preocupación veciñal, asegurando que “o engano e a manipulación do PP foi o que preocupou e indignou o conxunto da veciñanza. Vexo o PP moi perdido, falando de tempos pasados. Elena Candia [presidenta do PP de Lugo] xa se empeza a pór de esguello e nalgún momento o PP vai ter que explicar moitas cousas”.

O momento da política

Situados os principais partidos galegos ao respecto de Altri, chegou o momento tamén de facer política co que xa é un dos temas de debate en todo o país. No PP, o alcalde de Palas de Rei lembra que o proxecto é “supramunicipal” e coloca a pelota directamente na Xunta da Galiza, no Estado español e na Unión Europea. Pablo Taboada afirma que “este proxecto ten unha dobre fiscalización, cumprir os parámetros e a lexislación medioambiental e xestionar os fondos da UE. Se cumpre as esixencias, moi ben, se non as cumpre, non hai nada máis de que falar”. O PP recalca que “a nosa posición segue sendo a mesma: se Altri cumpre, aí está o noso apoio. Os que cambiaron de posición terán que explicalo”.

A rexedora de Antas de Ulla ten no xogo político un ingrediente a maiores, a mediación do ex ministro socialista Pepe Branco para Altri a través da súa consultora Acento Public Affairs. Porto sae ao paso de posíbeis influencias políticas asegurando que “a min como secretaria de organización a nivel provincial nunca me chegou absolutamente nada neste sentido. Entendo que Acento é unha consultora como pode haber outras moitas, dedícase a traballar a nivel europeo con distintas entidades e empresas e nada máis. Eu nunca tiven a máis mínima influencia nin a máis mínima cuestión que formulase dúbidas sobre algún aspecto da industria. Nunca nos vimos cuestionados a nivel de partido”, conclúe.