Ponte... nas Ondas! propón integrar o patrimonio inmaterial na educación

Santi Veloso (cuarto pola esquerda) con membros da candidatura (Foto: nós Diario).
O modelo transfronteirizo pedagóxico 'Ponte... nas Ondas!' recibiu numerosos apoios após conseguir o recoñecemento da Unesco. Desde o proxecto demandan poder introducir o seu modelo en todo o ensino galego e portugués.

A decisión da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) de declarar na quinta feira en Rabat (Marrocos) a iniciativa Ponte... nas Ondas! como un modelo mundial coa súa inscrición no Rexistro de Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial recolleu nas últimas horas os parabéns de numeras institucións, organismos e entidades da Galiza e de Portugal. Desde o propio proxecto, unha vez conseguido o obxectivo, fan balance e pensan no traballo e as propostas que lles queda por diante.

Anos duros e novos proxectos de futuro

O presidente da asociación Ponte... nas Ondas!, Santi Veloso, recoñece en conversa con Nós Diario que os 27 anos que levan coa iniciativa “foron duros e intensos”, mesmo con momentos “de incomprensión por parte das institucións, dalgunhas Administracións e mesmo dos medios de comunicación” e outros de “moita satisfacción”.

Veloso salienta que agora “o orgullo é saber que somos un referente para o mundo” grazas ao traballo desenvolvido por “un gran número de profesorado e alumnado que non foi en balde”.

De cara ao futuro, o responsábel de Ponte... nas Ondas! sinala que “temos moitos proxectos por diante”. Un deles sería que o modelo agora posto en valor pola Unesco “pase a integrarse nos sistemas educativos da Galiza e Portugal así como no resto do Estado español”.

Neste sentido, cre que se debería “avanzar na integración do patrimonio inmaterial na educación cun modelo propio como é o de Ponte... nas Ondas!”.

Parabéns de institucións e organismos

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Rio Minho, que dirixe o deputado da Deputación de Pontevedra Uxío Benítez, afirma que esta distinción supón “un feito histórico xa que se trata dunha candidatura galego-portuguesa” e lembra a colaboración en iniciativas como o proxecto Tesouros Humanos do Rio Minho.

Para o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal, António Cunha, é  "um orgulho, que é também um estímulo para o futuro da Euro-Região".

A nivel municipal, a alcaldesa  do Rosal, Ánxela Fernández (BNG), lembra que pasou polo proxecto de cativa e salienta "que foi pioneiro en vertebrar a comunicación transfronteiriza".