Publican un libro-disco para amosar "un patrimonio que non entende de raias"

Ponte... nas Ondas! e o Consello da Cultura Galega apostan no 'Meniños Cantores 2'. Esta publicación, que forma parte dun proxecto maior para darlle visibilidade ao patrimonio transfronteirizo, chega case 16 anos despois do primeiro volume. Nela participan 17 centros educativos.
Varios dos representantes do proxecto, esta quinta feira. (Foto: Consello da Cultura Galega)
photo_camera Varios dos representantes do proxecto, esta quinta feira. (Foto: Consello da Cultura Galega)

"A ninguén se lle escapa que temos un patrimonio ancestral que non entende de raias pintadas no mapa". Tanto é así que as palabras da presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, valeron para a posta de largo do libro-disco Meniños Cantores 2, unha proposta cultural que nace de fornecer ás crianzas de dezasete centros educativos da zona transfronteiriza as ferramentas para coñecer e presumir da súa herdanza. Esta proposta literaria e musical destaca, ademais, por ser só unha das patas dun proxecto máis amplo que abrangue a produción dun documental, a creación dun espazo web e a procura e recollida do léxico propio da raia para que este non acabe esquecido. 

O Consello da Cultura Galega, Ponte... nas ondas!, a CRTVG e o Xacobeo están detrás desta obra que recupera parte do patrimonio oral da raia, desa fronteira ás veces case inexistente entre a Galiza e Portugal.

No entanto, Meniños Cantores 2 tamén recolle o esforzo de alumnas e alumnos, e equipo docente, de 17 colexios das dúas beiras do Miño que foron amadriñados ou apadriñados por artistas para amosar á sociedade ese patrimonio inmaterial. 

Na presentación deste novo froito da iniciativa, que naceu hai máis de 16 anos, Álvarez explicou que a achega quere "axudar a construír na identidade común que outros proxectos contribuíron a desdebuxar". 

Precisamente, o primeiro volume do libro-disco saíu do prelo hai xa 16 anos auspiciado pola asociación cultural e pedagóxica Ponte... nas Ondas! e o que se procura agora é recuperar a esencia daquel xerme de representación transfronteiriza para "pór en valor a vizosa" herdanza oral partillada polos dous territorios que acompañan o Miño.

Respecto da orixe, mudan os colexios e foron as estudantes as que escolleron a súa representación artística, na que están Pancho Álvarez (Tui); A Roda (As Neves); Zaraida de Maskarpone (Verín); António Zambujo (Montealegre); Augusto Canário (Valença e Viana do Castelo), Sons do Minho (Monção) e Cuarteto Caramuxo (Salvaterra), entre outros.

A publicación, editada de forma colaborativa por Ponte... nas Ondas! e o CCG, inclúe ilustracións de Andrés Meixide.

Así mesmo, recolle textos da escritora galega Rosa Aneiros, do autor luso Marco Neves e dos profesores Helena Pousa e Santiago Veloso. Tamén aparece unha descrición de cada centro e unha referencia ao patrimonio cultural do concello no que se atopa, do que se recollen expresións e léxico característico.

Comentarios