Ponte nas Ondas poderá exercer as función consultivas que o Comité Intergobernamental da UNESCO lle solicite, referidas a expedientes presentados para inscribir elementos na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial. Pode ser consultada en programas, proxectos e actividades relacionados co artigo 18 da Convención e no impacto dos plans de salvagarda dos elementos inscritos na Lista de Salvagarda urxente.
Esta asociación está integrada maioritariamente por profesorado de ensino público (escolas, institutos e universidades) de Galiza e do Norte de Portugal. Desde hai 20 anos vén desenvolvendo un labor de transmisión e posta en valor do patrimonio inmaterial galego-portugués no ámbito educativo e tamén no cultural cunha importante actividade pública de promoción e recoñecemento deste patrimonio.
Ademais, conta con destacados especialistas no ámbito do patrimonio inmaterial que defenden a existencia do patrimonio común galego-portugués e que veñen realizando tareas de estudo e investigación en diversos eidos relacionados con esta cultura común, tales como Alexandre Parafita, Álvaro Campelo, Carlos Nogueira, Ria Lemaire, Antonio Reigosa e Xosé Manuel Cid.
10 anos na loita
Ponte nas Ondas foi a asociación promotora da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, a primeira candidatura multinacional nacida a partir de centros educativos. Ademais, sumáronse ao proxecto gran número de comunidades de portadores como as asociacións integradas na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, as comunidades de montes e baldíos de Galiza e do Norte de Portugal, facultades universitarias, concellos, asociacións de artesáns ou de músicos tradicionais...
Precisamente, o pasado 25 de novembro, coincidindo co 10 aniversario da presenza do patrimonio inmaterial galego-portugués na sede da Unesco en París, Ponte nas Ondas celebrou a Gala do Patrimonio no Teatro Municipal de Tui.