Podemos acusa os socialistas de pór "escusas" para atrasar a Lei trans

Manifestación do 22 de outubro en Madrid para exixir a tramitación da Lei trans. (Foto: Europa Press)
O PSOE di querer blindar a norma ante un recurso da dereita

O proxecto de Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGBT, máis coñecido como Lei trans, leva xerando polémica desde a súa aprobación -como proxecto- no pasado mes de xuño. Esta cuarta feira, rematou o prazo de presentación de emendas, despois de que o PSOE o prorrogara por cuarta vez co apoio de PP e Vox, unha decisión que xerou malestar nas asociacións trans e nas forzas que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez e mesmo naquela coa que coparte Goberno, Unidas Podemos.

Así, a tensión entre a formación morada e o PSOE mantense ante as emendas dos socialistas presentadas esta mesma semana nas que restan capacidade de decisión a menores de entre 14 e 16 anos sobre o seu cambio de xénero. A ministra de Igualdade, Irene Montero, sinalou que as emendas dos socialistas incumpren o “seu compromiso de non tocar a libre determinación da identidade de xénero”. 

A deputada do PSdeG no Parlamento galego Noelia Otero indica a este xornal que a razón pola que aínda non se aprobou a Lei trans é que a norma debe resultar garantista: “A idea é avanzar na tramitación dunha lei que estea blindada”. “De nada nos vale correr; por moita necesidade que haxa de que entre en vigor, cómpre ter en conta que hai unha ameaza real” por parte da dereita e da ultradereita, desde onde sosteñen que “a van levar ao Tribunal Constitucional”. Así, indica que os atrasos na aprobación e as emendas socialistas “son precisamente para reforzar as garantías de que a Lei trans non poida ser tombada nos tribunais”.

"Escusas"

A secretaria de feminismos de Podemos na Galiza, Verónica Hermida, sostén que o PSOE parece que “pon escusas”. “Deben ter un debate a resolver internamente”, indica, “pero a dilatación [da aprobación] da lei, prorroga tamén o sufrimento das persoas trans que non ven recoñecida a súa existencia”. Hermida engade que “parece que non consideramos o colectivo trans capaz de determinar cales deberían ser os seus dereitos e cales son as súas necesidades”.

Ademais, tamén mostra a súa incomprensión ante as “reticencias” do PSOE “que contraveñen a súa posición”. Nesta liña, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantén que “se o Consello de Ministros aprobou o proxecto, non é lóxico que posteriormente o Partido Socialista presente emendas para retroceder nalgúns aspectos”, polo que “terá que explicar por que, ante o compromiso inicial con esta lei, deu un xiro na súa posición”. 

O PP, en contra da lei

Pola súa parte, desde o Partido Popular reafirman a Nós Diario a súa postura contraria á lei “debido ao concepto de autodeterminación de xénero que se regula no texto” que “provoca inseguridade xurídica ao contemplar como requisito único a propia vontade sen ningún outro trámite”. Argumentan que “o actual proxecto de lei contén disposicións que contradín o dereito fundamentan á igualdade xerando situacións de discriminación das mulleres non transexuais”.

Precisamente, mañá, a asociación de familias de menores trans Arelas, organiza unha manifestación en Compostela ante o atraso na aprobación da lei. A presidenta de Arelas, Cristina Palacios, advirte de que "o colectivo trans quedou no medio da guerra política".