O Congreso amplía, máis unha vez, o prazo de presentación de emendas á Lei Trans

A Mesa da Cámara Baixa tomou esta decisión a pedimento do PSOE e do PP. Trátase dunha nova ampliación do prazo para esta norma, que se tramita pola vía de urxencia.
Activistas defensoras da Lei Trans celebran o avance do texto no Congreso, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Activistas defensoras da Lei Trans celebran o avance do texto no Congreso, esta quinta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Congreso español ampliou esta cuarta feira máis unha semana, até o próximo 2 de novembro, o prazo para a presentación de emendas parciais ao proxecto de Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGBT.

A Mesa da Cámara Baixa tomou esta decisión a pedimento do PSOE e do PP. Trátase dunha nova ampliación do prazo para esta norma, que se tramita pola vía de urxencia.

O PSOE decidiu pedir unha semana máis de prazo, presumibelmente a última prórroga, para presentar as emendas parciais, a pesar da presión dos seus socios de Goberno de Unidas Podemos, que veñen exixindo que se "desbloquee" a tramitación.

Os socialistas xa avanzaran na terza feira a súa decisión, á vez que se comprometeron a rexistrar as súas emendas a vindeira segunda feira, día 31, antes de que finalice o prazo, unhas achegas coas que pretenden asegurar que o Congreso aproba un texto "garantista" e con "maior seguridade xurídica" que o saído do Consello de Ministras e Ministros.

"Incomprensíbel"

A ministra de Igualdade, Irene Montero, cualificou de "incomprensíbel" que o PSOE volva ampliar o prazo de emendas da Lei Trans e confía en que "rectifique" asumindo o calendario proposto polo seu departamento para aprobar a norma antes de final de ano, "sen ningún retroceso" no contido da normativa.

Ademais, propuxo ao seu socio de Executivo e ao resto de grupos parlamentarios fechar o relatorio da lei o 18 de novembro. Para iso, o prazo de emendas debe finalizar definitivamente o 2 de novembro.

Tras coñecerse esta nova ampliación do prazo, a presidenta da Federación Plataforma Trans, Mar Cambrollé, anunciou que se concentrarán esta sexta feira en sinal de protesta e insistiu ao PSOE que deixe de "obstaculizar" aliñándose, neste sentido, co PP e Vox.

Comentarios