O PSOE rexistra emendas á Lei Trans que buscan limitar a 'autodeterminación de xénero' en menores de 16 anos

Os socialistas rexistraron as súas emendas dous días antes de que se feche o prazo de emendas á devandita lei, a vindeira cuarta feira 2 de novembro, se non houber máis prórrogas.
A bandeira trans diante da sede do PSOE en Madrid (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera A bandeira trans diante da sede do PSOE en Madrid (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

O Grupo Parlamentario Socialista no Congreso rexistrou esta segunda feira as súas emendas parciais á Lei Trans, coas que pretende que os menores de 12 a 16 anos necesiten o aval xudicial para poder cambiar o nome e o sexo no Rexistro Civil, unha exixencia que o texto actual contempla unicamente para os menores de 12 a 14 anos.

Desta forma, busca limitar a 'autodeterminación de xénero' nos menores de 16 anos co obxectivo de "reforzar as garantías" para ese tramo de idade,de acordo co "interese superior do menor".

Os socialistas rexistraron as súas emendas dous días antes de que se feche o prazo de emendas á devandita lei, a vindeira cuarta feira 2 de novembro, se non houber máis prórrogas.

O PSOE decidiu a semana pasada pedir unha semana máis de prazo para presentar as súas emendas parciais, a pesar da presión dos seus socios de Unidas Podemos, que veñen exixindo que se desbloquee a tramitación.

O 'sexilio'

Ademais, o Grupo Socialista propón noutra das emendas que se contemple o "sexilio", entendido como o abandono das persoas LGBT do seu lugar de residencia por sufriren rexeitamento, discriminación ou violencia, "como causa de despoboamento dentro das medidas sobre políticas de despoboamento do Goberno de España", xa que, segundo precisan, este problema dáse especialmente nas zonas rurais.

Así mesmo, a emenda expón reforzar a formación dos profesionais que traballan en centros para persoas maiores sobre a realidade das persoas LGBT de idade avanzada.

Mulleres trans en situación de prostitución

Igualmente, os socialistas expoñen noutra das emendas que as mulleres trans en situación de prostitución teñan dereito aos recursos sociolaborais estabelecidos na Lei de garantía integral da liberdade sexual, e que, "medie ou non situación de explotación sexual, poidan acceder aos recursos sociolaborais e de atención psicolóxica que se estabelezan nos plans e medidas para vítimas de violencia sexual ou vítimas de trata e explotación sexual".

Atendendo aos menores, o Grupo Parlamentario Socialista quere que se garanta que na valoración da idoneidade nos procesos de adopción e acollemento familiar, "non exista discriminación por motivo as causas estabelecidas nesta lei" e engade que "nos centros de menores traballarase a diversidade familiar co fin de garantir que os e as menores que sexan susceptíbeis de seren adoptados ou acollidos sexan coñecedores da diversidade familiar por razón da diversidade sexual e identidade de xénero".

Comentarios