A poboación dos 10 concellos con máis eólicos caeu de media o 40,9% desde 1995

Parque eólico na serra do Candán. (Foto: Arxina)

A relación entre complexos eólicos e despoboamento está documentada. A esta conclusión chegaron diversas investigacións promovidas en Aragón ou Catalunya. A situación non é diferente aqueles concellos galegos con máis potencia instalada.

Muras é o primeiro concello galego en número de aeroxeradores, con 381. O municipio, emprazado entre a Terra Chá e a serra do Xistral, acumula unha potencia eólica de 481 megawatts, sendo esta superior á de comunidades como A Rioxa, Cantabria, Estremadura, Euskadi, Madrid ou Murcia. Os primeiros parques eólicos instaláronse na localidade a comezos da década dos 90 e o concello perdeu en 27 anos máis da metade da súa poboación, ao pasar de 1.319 habitantes en 1995 a 606 en 2022, 39,9% dos cales superan 65 anos de idade.

Tras Muras, en número de aeroxeradores, aparece o veciño concello de Abadín, con 200. O municipio, situado na Terra Chá, entre a Corda de Meira e a serra do Xistral, sumouse ao negocio eólico a mediados da década dos anos 90, rexistrando desde aquela os peores datos demográficos da súa historia. Así, pasou de 3.950 residentes en 1995 a 2.259 en 2022, o que representa unha caída de habitantes de 42,9% neste período. Ademais, o 41,3% da poboación supera os 65 anos de idade e só o 5,9% é menor de 16.

Táboas que mostran a poboación que perderon os dez concellos con máis muíños eólicos.

O caso de Ourol

Ourol, canda Muras e Abadín, é o terceiro vértice do gran triángulo eólico conformado na serra do Xistral arredor deses tres municipios. Neste caso, o concello, situado na comarca da Mariña, conta con 156 aeroxeradores espallados por diferentes núcleos e cuxa titularidade corresponde, maioritariamente, ás grandes operadoras con sede fiscal en Madrid. Os residentes na localidade diminuíron en 54,5% desde 1995, caendo a súa poboación de 1.833 persoas nesa anualidade a 999 en 2022. O 39,6% da súa veciñanza é maior de 65 anos e só o 7% menor de 16.

As Pontes, na comarca do Eume, é o cuarto municipio en número de aeroxeradores. A Xunta da Galiza rexistra 139 máquinas para un concello pioneiro neste tipo de xeración eléctrica. Porén, o seu declive demográfico semella non ter fondo, tras perder desde 1995 3.231 residentes, pasando dunha poboación de 13.205 persoas en 1995 a 9.974 en 2022. Ademais, 2.689 habitantes, o 26,9% do padrón municipal, supera os 64 anos de idade, ficando por baixo dos 16 só 1.121 residentes, o que significa 11,2% do total da poboación do municipio.

Vilalba, a capital da Terra Chá, conta con 129 aeroxeradores eólicos. Neste caso, a poboación do municipio rexistrou 13.881 persoas na anualidade de 2022, tras perder 2.477 veciñas e veciños desde 1995, unha caída de 15,2% no seu número de residentes. Malia tratarse dunha vila cabeceira de comarca con capacidade de arrastre de poboación en relación cos concellos do arredor, a tendencia ao despoboamento é evidente, fundamentalmente naquelas áreas onde se emprazan as instalacións eólicas. Neste sentido, o 29,8% da súa veciñanza supera os 65 anos, sendo inferior a 16 a idade de 10,5% dos residentes.

Mazaricos ten 123 aeroxeradores instalados sobre o seu territorio. O municipio da comarca do Xallas, unha das principais potencias en produción láctea da Galiza, rexistra en 2022 unha poboación de 3.761 habitantes, o que representa 45,2% menos que no ano 1995, cando declaraba 6.863 veciñas e veciños. O Observatorio Eólico da Galiza puxo o Goberno municipal como exemplo de negociación coas compañías eólicas á hora de facer valer os intereses da veciñanza.

O Valadouro, na Mariña, é outro dos concellos pioneiros en instalacións eólicas. As súas terras altas, emprazadas na serra do Xistral, concentran a práctica totalidade dos 120 aeroxeradores localizados no municipio. É precisamente nestas áreas onde máis minguou a poboación, que pasou de 2.740 residentes en 1995 a 1.983 en 2022, marcando unha baixada de 27,3%.

Ortigueira rexistra unhas cifras semellantes aos anteriores concellos. A capital da comarca de Ortegal acolle 114 aeroxeradores, sendo un dos municipios galegos cun importante desenvolvemento eólico nos anos iniciais da actividade Galiza. Así, desde 1995 perdeu 44,7% da súa poboación, rexistrando en 5.420 habitantes, 4.379 menos que a mediados da década dos 90.

Dumbría conta co mesmo número de aeroxeradores que Ortigueira. O concello da Costa da Morte ten emprazados no seu territorio 114 muíños, instalándose os primeiros a comezos dos anos 90. Neste sentido, a poboación do municipio caeu desde 1995 en 2.074 residentes, unha baixada até 2022 de 42,7%, situándose o seu censo actual en 2.909 veciños e veciñas.

A situación de Forcarei

O décimo concello en número de aeroxeradores da Galiza é Forcarei, en Terra de Montes, con 105 máquinas. Precisamente, este municipio atópase no centro de varias das novas instalacións eólicas recentemente autorizadas polo Goberno galego. Neste caso, a poboación do concello minguou desde 1995 até a actualidade en 49,9%, pasando de 5.823 residentes a 2.909 en 2022.

Os 10 primeiros concellos galegos en potencia eólica instalada perderon de media entre 1995 e 2022 o 40,9% da súa poboación. Mentres no total do país a cifra para este mesmo período fica nunha caída de 1,2% de media, pasando de 2,72 millóns de habitantes en 1995 a 2,69 en 2022. Neste caso, a mingua de residentes daqueles municipios con alta densidade eólica rexistran uns números na liña dos municipios do Estado considerados grandes xeradores de enerxía renovábeis.

Os municipios con parques eólicos perden poboación en todo o Estado

A caída da poboación nos 10 concellos galegos de máis alta densidade eólica está por riba de 40,9% desde 1995, ano en que todos estes municipio contan xa con parques eólicos en funcionamento. Porén, excluídos os tres concellos cabeceira de comarca presentes na listaxe, isto é As Pontes, Ortigueira e Vilalba, a perda de habitantes nestes municipios sitúase en 44,6%.

Os números achegados para Galiza certifican as conclusións dos diversos traballados elaborados para determinados territorios do Estado desde o ámbito académico. Así, o profesor da Universitat Rovira i Virgili Sergi Saladié documentou que “o 80% dos municipios cataláns con instalacións eólicas perderon poboación na última década. Precisamente, a Terra Alta, unha comarca situada no sur de Catalunya, coa máis alta concentración eólica do país, é, en porcentaxe, a que máis poboación perdeu”.

Uns datos semellantes aos de Saladié para Catalunya rexistrounos para o País Valenciá o profesor da Universitat de València Luis del Romero Renau. Así, concluíu que “só dous de 22 concellos con centrais eólicas gañaron poboación en Castelló. Pola súa banda, algúns concellos onde se instalaron centrais eólicas, como Portell, Pina de Montalgrao ou Alpuente, tamén en Castelló perderon máis do 20% da súa poboación. O caso extremo é  Pina, que perdeu o 29,9% da súa poboación desde 2007, data de posta en funcionamento da súa central eólica”.  A profesora Rosa Duarte sinalou nun estudo para o baixo Aragón, “a actividade eólica foi incapaz de reverter o imparábel descenso demográfico nos concellos desa zona”.