Plataformas contra Altri valoran positivamente o non do Goberno español á subestación eléctrica da celulosa
Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa celebran a decisión, aínda que esperan a coñecer a resolución para ver se é recorríbel.
Os presidentes das plataformas Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Juan Pedro Sánchez e Xaquín Rubido, respectivamente, valoraron "moi positivamente" a decisión do Goberno estatal avanzada esta segunda feira polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, de denegar a subestación eléctrica de Altri que demandaba para o seu proxecto en Palas de Rei (A Ulloa), así como a conexión eléctrica necesaria para o seu funcionamento.
En todo caso, ambos manifestaron que esperan a coñecer a resolución definitiva para coñecer os termos e ver se hai posibilidade de recurso por parte das empresas vinculadas ao proxecto.
Así, nun audio difundido aos medios, Xaquín Rubido explicou que para trasladar unha valoración máis pormenorizada sobre esta decisión é necesario esperar a coñecer o texto e ver "en que requisitos ambientais e socieconómicos se basea" porque, apuntou, "en función de como estean redactados eses argumentos a decisión pode ser recorríbel legalmente".
Aliás, Juan Pedro Sánchez sinalou que son "cautos" mentres non se coñeza por parte do Goberno español a resolución definitiva e poidan estudar se "hai posibilidade de recurso por parte das empresas do proxecto Gama".
En todo caso, manifestaron que valoran "moi positivamente" este anuncio, aínda que con "as reservas oportunas" até ver a redacción final de "este acordo gobernamental".

