A Plataforma en defensa da sanidade da Mariña tramitou 1.500 queixas de pacientes

Rolda de prensa das integrantes da Plataforma pola defensa da sanidade da Mariña (Imaxe: Plataforma).
En 2018 a plataforma creou unha unidade móbil de axuda contra as reclamacións a disposición de todas as mariñás. Das queixas rexistradas, moitas céntranse nas eivas na cobertura pediátrica ou nas longas esperas do servizo de Cardioloxía ou o de Rehabilitación.

En 2018 a Plataforma en defensa da sanidade pública da Mariña puxo en marcha unha unidade móbil de axuda contra as reclamacións (Umar). Esta unidade ofrece información sobre a situación da sanidade pública nas comarcas mariñás, resolve dúbidas sobre listas de agarda ou derivacións e axuda as veciñas a redactar e mesmo rexistrar reclamacións polos motivos anteriores.

Onte a plataforma fixo unha valoración da traxectoria da Umar, que segundo afirman as súas integrantes "tivo unha acollida moi boa por parte da poboación". Porén, denuncian, o mesmo día da súa posta en marcha as responsábeis recibiron presións da directiva do Hospital da Costa.
Con todo, o traballo da Umar proseguiu. A plataforma informou de que ao longo destes meses rexistrou máis de 1.500 reclamacións colectivas ou individuais. "Reclamamos pola falta de pediatras, polas eivas na cobertura das doutoras de familia ou pola falta de profesionais en servizos como fisioterapia ou logopedia", relatan.

Se ben a Umar presta os seus servizos a primeira segunda feira de cada mes nun centro de saúde diferente; nalgúns, ante o elevado número de reclamacións, tiveron que aumentar o horario do servizo. "Chegamos a rexistrar até 300 reclamacións nalgunha ocasión", salienta o colectivo impulsor.

As integrantes da plataforma explican que os servizos que máis queixas concentran son os de Cardioloxía, pois os tempos de agarda por consulta poden chegar até o ano; os de Rehabilitación, con máis dun ano de espera; os de Pediatría, por falta de cobertura de persoal, e os de logopedia, con moitos atrasos para facer as resonancias no sistema público. Desde a plataforma valórase que moitas das queixas foron "satisfactoriamente tramitadas para as pacientes"

Manifestación en febreiro
A Plataforma en defensa da sanidade pública da Mariña tamén anunciou a pasada cuarta feira a celebración de asembleas informativas polas comarcas mariñás, para informar a poboación sobre o estado do sistema de saúde da zona, as súas eivas e animala a participar na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o 9 de febreiro en Compostela. A Mariña, precisan, precisa incorporar profesionais en Atención Primaria, o persoal de apoio ou recuperar servizos.