"Seguiremos loitando contra o desmantelamento do hospital comarcal"

Veciñas e profesionais sanitarias da comarca de Monterrei anuncian que continuarán coas mobilizacións (Imaxe: Plataforma en defensa da sanidade).
A Plataforma pola defensa da sanidade da comarca de Monterrei reclama o cese do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Monterrei. Veciñas e profesionais acollen positivamente a reapertura do servizo de partos, mais afirman que as mobilizacións non cesarán até que o hospital de Verín recupere os postos de traballo que foron quedando sen cubrir.

O teléfono de Aurora Sola leva soando toda a mañá. Esta veciña de Verín, integrante da Plataforma pola defensa da sanidade da comarca de Monterrei, é unha das voces que narrou a loita da súa veciñanza nas últimas semanas aos medios. Veciñas e veciños que se mobilizaron contra o peche do servizo de partos do hospital de Verín, que agravou así as eivas sufridas polo centro nos últimos anos.

Solas explica a Nós Diario a súa satisfacción tras o anuncio do Sergas, que informou hoxe de que formalizará os contratos de dous pediatras que pasarán a formar parte do cadro de persoal de Verín. Con eles chega a reapertura do servizo de partos e das urxencias pediátricas. “Estamos contentas, sobre todo polas nosas crianzas, o futuro da nosa comarca. Eses servizos nunca se deberon de pechar”, censura esta veciña.

A integrante da plataforma en defensa da sanidade denuncia que o peche sempre foi "unha decisión polític". "Para nada se axustaba aos argumentos que aludiron, como a falta de seguridade nos partos ou á perda de pericia dos profesionais. Non podemos desculpar nin perdoar que se ofendese desa forma ás nosas profesionais", asevera. A plataforma reclama o cese do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Monterrei, Félix Rubial. "Por esa razón e pola falta de xestión, pois Rubial non foi quen de conseguir os pediatras que agora apareceron", afirma Sola.

"Foi unha decisión política", denuncia Aurora Sola

Esta veciña de Verín anuncia que as mobilizacións non cesarán coa reapertura. "Cando comezaron as protestas non foi polo peche do paritorio, senón polo desmantelamento de Verín nos últimos anos", lembra. As profesionais do centro hospitalario de Verín coinciden con Solas. "Retiraron o servizo de dermatoloxía; de catro cirurxiáns fican dous, ou un dependendo da semana; dos catro anestesistas que traballaban quedamos con dous e o servizo de medicina interna tamén precisa máis persoal", enumera a integrante do comité do hospital Rosa Eva, "para recuperar todo, e para que non se desmantele máis o hospital, imos seguir loitando".

"Para recuperar todo, para que non se desmantele máis o hospital, imos seguir loitando", avanza Rosa Eva

Rosa Eva e Aurora Solas engaden que o peche das traballadoras e veciñas no hospital tamén se manterá até a apertura efectiva do servizo de partos. "Dixemos en todo o momento que aguantariamos no hospital até que as crianzas da comarca teñan un servizo de urxencias e as mulleres podan dar a luz en Verín", afirma a primeira.

Esta traballadora lamenta os cambios de criterio da Xunta ao longo dos últimos meses, que xulga "sen fundamento", e que liga a forte presión social exercida sobre o Goberno. "Este é un exemplo de que o pobo é quen decide, por se non quedaba claro. Agora o Goberno pode dicir que reabre o servizo de partos, mais fano porque hai unha presión social detrás", conclúe Rosa Eva. Por iso, anima á cidadanía a participar na manifestación do 9 de febreiro, convocada por SOS Sanidade Pública. "Que ninguén pense que imos deixar de loitar", conclúe Solas.