"Hai miles de cartillas sen médico"

Mobilización do persoal dos Puntos de Atención Continuada.
As urxencias e as listas de espera son os servizos da sanidade galega que máis denuncias rexistraron ao longo do ano pasado. A Memoria 2019 da Asociación O Defensor do Paciente denuncia, ademais, a intención do Sergas de privatizar a sanidade pública e "O esgotamento da Atención Primaria". 

O Defensor do Paciente recolle na súa Memoria 2019 que "as costuras da sanidade pública galega saltan polo esgotamento da Atención Primaria, cuxos médicos, fartos de superar os 40 pacientes por xornada, mobilizáronse mediante protestas e conatos de folga ao non palpar as supostas melloras prometidas polo Sergas".

Para Elisa Ausín, médica e portavoz de PAC en Pé de Guerra, o déficit de investimento en Atención Primaria é algo que vén de lonxe e cuxas consecuencias vivimos agora. En declaracións a Nós Diario recoñece que "sen persoal suficiente é imposíbel atender as demandas da cidadanía. Non deberan existir as listas de espera pero hai médicos que as teñen de até 20 días, e outros que non as teñen pero porque non existen".

"Hai miles de cartillas sen médico asignado", denuncia, e eses pacientes, moitos con patoloxías agudas, acaban no PAC ou nas Urxencias, "porque non lles queda máis remedio". A asistencia, di, está garantida, "mais o seguimento das doentes non sempre é adecuado". A falta de control e a sobrecarga compromete a seguridade da calidade asistencial, afirma.