Baleiros e incertezas nas esperas sanitarias

pacientes sergas 900
Galiza pechou 2019 cun tempo medio de espera cirúrxica de 54,5 días. Unha marca, explica o Servizo Galego de Saúde, que mellora todos os rexistros históricos e sitúa o territorio galego entre os que ofrecen os indicadores máis sobresalientes do sistema estatal de saúde. Fronte ás cifras ofrecidas polo Sergas, representantes das usuarias e do colectivo médico, reclaman a publicidade dos tempos reais de todos os procesos que asiste a sanidade pública.

Cada seis meses o Sergas publica na súa web os datos referidos ao tempo medio de espera  das pacientes que acoden á sanidade pública co fin de realizar unha proba diagnóstica, unha consulta especializada ou unha operación cirúrxica, sempre a instancias das profesionais do sistema galego de saúde.

A 31 de decembro de 2019, os tempos medios de espera son, segundo o Servizo Galego de Saúde, de 41,5 para as primeiras consultas de enfermidade, de 65,5 para as probas diagnósticas e de 54,5 días para as intervencións cirúrxicas. Neste último caso, o protocolo estabelece tempos distintos segundo a prioridade das doentes, fixada, sempre, polo persoal facultativo.

Pacientes prioritarios

As pacientes de prioridade 1, aquelas cuxo tratamento cirúrxico non admite unha demora superior a 30 días, esperan unha media de 16,7 días. As pacientes de prioridade 2, cuxa situación clínica ou social admite unha demora relativa, sofren unha espera media de 55,1 días. Para estas, o Real Decreto 605/2003 para o tratamento homoxéneo da información sobre as listas de espera no sistema estatal de saúde recomenda a intervención nun prazo inferior a 90. 

"Para elaborar estes datos, o Sergas só ten en conta as demoras das pacientes que figuran nas listas de espera estrutural, e non, por exemplo, as de quen rexeita ser atendido nun centro altrnativo".

As pacientes de prioridade 3, explica a norma, serían aquelas cuxa patoloxía permite a demora do tratamento, ao considerar que a súa enfermidade “non produce secuelas importantes”. É o caso, apunta o médico de familia e delegado sindical de CIG Saúde Manuel González Moreira, dunha persoa pendente dunha cirurxía de cadeira para a colocación dunha prótese. “Non é unha emerxencia, pero a espera á que se ve obrigada afecta directamente e de forma negativa á súa calidade de vida”. Adoitan ser casos de solución rápida e fácil, di, “e seríano se contásemos con recursos suficientes e organizados de forma eficaz”. Pola contra, incide o facultativo, “o que conseguimos é sobrecargar as consultas de Atención Primaria e hipermedicalizar pacientes que doutro xeito, non o precisarían”.

Omisións nas esperas

González Moreira asegura que os criterios de medición que emprega o Sergas son iguais en todos os territorios do Estado e axústanse ao que dita o decreto para a xestión das listas de espera. "O que non explica o Sergas é que mide e que non. Porque para elaborar estes datos, só ten en conta as demoras das pacientes que figuran nas listas de espera estrutural, atribuíbel á organización e aos recursos sanitarios dispoñíbeis".

Quedan fóra dos seus cálculos os tempos de espera daquelas pacientes que rexeitan ser intervidas nun centro alternativo, e de doentes que por motivos clínicos, persoais ou laborais adían a súa cita. Son doentes en "espera non estrutural" ou "transitoriamente non programábeis". E a tardanza que acumulan, non conta.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.