Os pisos turísticos quintuplican as vivendas de protección da Xunta da Galiza

Xa en 2018 tiñan lugar campañas de concienciación sobre os pisos turísticos e o seu impacto, como esta de Compostela. (Foto. Concello de Compostela)
Na Galiza hai 18.946 vivendas de uso turístico (VUT) mentres non chegan a 3.800 as vivendas que integran o parque público da Xunta da Galiza. Unha desproporción de cinco a un. Ás portas dunha tempada estival que apunta a un récord de turistas na Galiza, a oferta de pisos para ese sector aumenta a pasos de xigante ao tempo que a vivenda como dereito non existe para miles de galegas e galegos.

O parque público da Xunta da Galiza está integrado por 3.788 vivendas propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da empresa pública Xestur. Adxudícanse en réxime de aluguer a prezos accesíbeis e regulados entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes da Galiza. A 12 de xuño, había 12.759 demandantes dunha vivenda de protección oficial en aluguer, compra ou en aluguer con opción a compra. Case catro persoas por cada unha das vivendas desa bolsa de inmóbeis da Xunta.

Fronte a esta carestía, o outro extremo está nas vivendas de uso turístico, que na Galiza están a aumentar a un ritmo constante. A inicios de xuño estaban rexistradas 18.946. Son case 1.000 máis que as que había en abril de 2023, cando se contaban 17.900.

En outubro de 2019 había na Galiza 5.400 vivendas de uso turístico. Facíase daquela un ano da entrada en vigor do decreto que regulaba este tipo de vivendas no país e xa existía un debate sobre o impacto deste tipo de inmóbeis e a necesidade dunha maior regulación. Agora hai tres veces máis.

Cidades

Entre xaneiro e xuño, o número de inmóbeis que nas principais cidades galegas se destinan ao turismo experimentou un aumento, se ben en diferente magnitude. Onde máis incrementou foi na Coruña, 26% —ao pasar de 713 ao inicio do ano a 903 agora—. Onde menos, en Compostela, perto de 5%, unha cidade onde foi aprobada unha regularización das VUT que pon límites á súa expansión. As previsións para este verán na vivenda turística son as mellores dos últimos anos, superando as de 2022. 

Segundo un estudo da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), as reservas de VUT aumentan nas Rías Baixas de 72% do último verán a 76%, mentres que nas Altas sitúase en ao redor de 73%.

A propia Fegein, pola súa parte, recoñece que aquelas vivendas que se destinan ao aluguer convencional no mercado non acaban de superar as 3.000. Así, por exemplo, a principal cidade galega, Vigo, no circuíto de arrendamento ten dispoñíbeis menos de 400 inmóbeis mentres que hai rexistradas 1.164 vivendas de uso turístico, 19% máis que en xaneiro de 2023, cando eran 977.

Esa fenda entre VUT e vivenda para alugar vai ir a máis, vaticina  Benito Iglesias, presidente de Fegein. Para el, precisaríase multiplicar por dez o actual stock de pisos para aluguer "para dar saída á demanda existente e para que haxa unha moderación nos prezos".

Incremento de prezos

Os prezos, precisamente, e o seu incremento imparábel ao longo destes meses son un factor de preocupación social. As estatísticas do Observatorio Galego da Vivenda rexistran un aumento nos arrendamentos de 30% nos últimos nove anos. 

Os datos da Fegein sinalan que case catro de cada dez familias destinan de media ao pagamento dos alugueres máis de 25% dos seus ingresos. Unha porcentaxe que fica pequena de ter en conta os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), que apuntan que na Galiza a porcentaxe bruta do salario que se destina a pagar o aluguer abala entre 40% da provincia de Pontevedra e 27% da de Ourense, pasando por 34% da coruñesa e 30% da de Lugo.

Parque insuficiente

A insuficiencia do actual parque público de vivenda da Xunta da Galiza acabou sendo recoñecida implicitamente este ano  polo Goberno galego. O presidente, Alfonso Rueda, anunciou que até 2026 ía aumentar en 1.800 vivendas máis o parque para aluguer social, a través da iniciativa pública e privada. Porén, o pasado non convida a ser optimista: Entre 2020 e 2023 só 24 vivendas de protección oficial (VPO) foron finalizadas na Galiza para arrendar.