Piden 28 anos de cárcere para o acusado de matar a unha muller en Oza-Cesuras

Vista dunha das salas para xuízos da Audiencia Provincial da Coruña. Foto de arquivo (Foto: TSXG).

O crime, que tivo lugar o 15 de xaneiro do 2021, será xulgado na Audiencia da Coruña a próxima semana e decorrerá con Tribunal do Xurado.

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña xulgará a partir da vindeira quinta feira, día 9, con Tribunal do Xurado, a un home acusado de matar a unha muller dun disparo na cabeza no municipio de Oza-Cesuras (comarca das Mariñas) a principios de 2021. Fiscalía pide para o presunto culpábel unha pena de 25 anos de prisión polo delito de asasinato e tres anos de cárcere por tenencia ilícita de armas.

No seu escrito de cualificación, o Ministerio Público sostén que, sobre as 18.50 horas do 15 de xaneiro de 2021, o acusado "accedeu de súpeto e armado" ao domicilio da falecida "coa intención de acabar coa vida" dela.

Sobre o sucedido, explica que a vítima "se atopaba fráxil e convalecente dunha operación á que fora sometida esa mesma semana" e que se topou co home. Nese momento, produciuse por parte deste unha persecución, desde a entrada da propiedade até a planta superior, tratando de fuxir a muller.

"Así, seguida en todo momento polo acusado, tentou escapar saíndo pola xanela do cuarto de baño da planta superior da vivenda, que se abre sobre o tellado do garaxe do inmóbel, atravesou o citado tellado e, tratando de salvarse do ataque do acusado, desde esa altura, saltou ao chan e caeu", recolle o escrito de cualificación fiscal.

Sen posibilidade de defensa

O home saltou tras ela. "Nese mesmo lugar, coa vítima lesionada e débil e, coa finalidade de darlle morte, sen posibilidade algunha de defensa, disparoulle mortalmente no cranio ca arma de fogo que portaba, unha pistola semiautomática".

 

"O disparo por arma de fogo e a perforación cranial foron a causa da morte", conclúe o Ministerio Fiscal que pide penas que suman 28 anos de prisión.

 

En concreto, considera estes feitos constitutivos dun delito de asasinato, polo que solicita unha pena de 25 anos de prisión e outro de tenencia ilícita de armas. En consecuencia, pide tres anos de cárcere. Tamén expón o pago de indemnizacións aos familiares da vítima, entre elas o seu fillo e o seu marido.

Non foi un roubo

Ao inicio as hipóteses da investigación centráronse en que o home entrou na vivenda coa intención de roubar e puido ser sorprendido pola muller. Finalmente, isto descartouse e foi demostrado que o acusado, veciño de Culleredo, coñecía á vítima. 

O presunto autor dos feitos foi detido tras ser localizado oculto nunhas matogueiras, con abundantes manchas de sangue na súa roupa. Nun primeiro momento, tentou despistar os axentes indicando que se atopaba paseando pola zona e se lesionou nun pé, segundo apuntou a Garda Civil. Pouco despois entrou en parada cardiorrespiratoria e tivo que ser trasladado ao hospital.