"Galiza é unha mina"

Fervenza no río Mira, afluente do Xallas, na parroquia de Castriz.
Petón do Lobo denuncia as sondaxes ilegais que a compañía mineira sueca Eurobattery Minerals realiza na parroquia de Castriz, no Xallas; para obter niquel, cobre e cobalto con fins comerciais.

O colectivo ambiental e cultural Petón do Lobo insta a Xunta da Galiza a paralizar de inmediato as prospeccións mineiras que a firma con sede en Estocolmo Eurobattery Minerals vén realizando no lugar de Castriz, en Santa Comba, en tanto non someta a exposición pública o proxecto dos permisos de investigación mineira e o plan de restauración das catas que a mercantil realiza na exploración de níquel, cobalto, cobre e terras raras.

Níquel, cobre e cobalto para baterías eléctricas 

A empresa sueca anunciou en maio deste ano o descubrimento na Galiza dun gran xacemento de sulfuro de níquel para fabricar as baterías que levarán os coches eléctricos. Após das primeiras mostras de rocha analizadas pola compañía australiana ALS Global1, a mineira sueca confirmou unha proporción de minerais económicos de sulfuro de níquel no terreo "alta", que converte a parroquia de Castriz, dixo, nun lugar apto para a minaría a granel a ceo aberto e a baixo custo.

Eurobattery Minerals pretende estabelecer na Galiza a primeira gran mina dedicada a minerais de batería no marco do proxecto Corcel, que prevé estender a outras parroquias de Santa Comba e Coristanco. Outra iniciativa de megaminaría a ceo aberta que ameaza con liquidar o patrimonio natural máis os recursos próximos a varios núcleos de poboación.

Máis de 2.500 hectáreas afectadas

Segundo Petón do Lobo, o dereito mineiro Carmen, sobre o que traballa a empresa para a busca de níquel, cobre o cobalto, caducado dende hai anos e de máis de 2.500 hectáreas de superficie abrangue máis dunha vintena de núcleos habitados en Santa Comba e Coristanco, nas comarcas do Xallas e de Bergantiños. Mais tamén afecta a masas de auga, fontes, mananciais, granxas e terras da concentración parcelaria de gran aptitude agrícola.

A asociación insta ao alcalde de Santa Comba a á corporación municipal a exixirlle á Dirección Xeral de Planificación enerxética e Recursos Naturais da Xunta da Galiza a paralización inmediata das sondaxes mineiras que veñen de iniciar de cara a unha posíbel produción comercial e o cumprimento estrito da normativa; ademais de animar a cidadanía das parroquias de Castriz e de San Salvador de Padreiro a organizarse para a defensa das súas casas e as súas terras.

Carmen e Corcel

O dereito mineiro Carmen, solicitado no ano 1942 e inscrito no censo catastral mineiro no ano 1944 como concesión directa de explotación, abrangue 2.560 hectáreas nos municipio de Santa Comba e Coristanco. "Non obstante, a falta de explotación da concesión ao longo do tempo finalizou o mesmo por caducidade, se ben a Xunta non declarou o seu remate formalmente cando debera facelo", afirma o colectivo.

A parroquia de Castriz forma parte do proxecto Corcel, que, "en teoría, abranguería outros dereitos mineiros lindeiros co Carmen, como é o de Santa María de 117.8560 hectáreas, o de Santa Bárbara de 695.0650 hectáreas e o de Carballeira de 482.3300 hectáreas, todos eles adquiridos por Eurobattery Minerals no ano 2019 a Galicia Tin & Tungsten, S.L, outra compañía creada para especular con este tipo de dereitos mineiros", advirten desde Petón do Lobo.

Galiza é unha mina

Para a Xunta "Galiza é unha mina". "Boa parte de Santa Comba está enriba dos dereitos mineiros de Eurobattery Minerals, así que de ser un éxito as prospeccións é probábel que a veciñanza dos núcleos de Boaña de Abaixo, Boaña de Arriba, Boimente, Castriz, A Choupana, Escanande, Estévez, Frieiro, O Hospital, A Mostaza, O Outeiro, Padreiro, Traba, Vento, Xallas, O Xesto non poidan convivir á beira dun proxecto industrial de mina a ceo aberto que empregará explosivos tipo A e que lles obrigaría ao éxodo poboacional", inciden.

Como fixeron antes outras moitas entidades ecoloxistas contra a minaría, a asociación ambiental fai un chamamento á veciñanza para que se organice e demande información "tanto ao Concello como á Xefatura territorial de Minas da Coruña".

Sinala "un flagrante incumprimento da normativa mineira" e engade que "a opacidade e falla de transparencia institucional ao redor do proxecto Corcel evidencia que a postura da Xunta é estar á beira da empresa e favorecela en todo o que poida, ata o punto de non someter a exposición pública nin os proxectos dos permisos de investigación mineira nin os plans de restauración das catas e prospeccións, nunha tramitación espuria máis propia de Administracións corruptas e neocoloniais do pasado, que de democracias avanzadas do século XXI".