Unha mina de litio sen avaliación de impacto ambiental ameaza o interior

Contaminación mineira por augas ácidas (MinaTouro Non / Europa Press).
A Xunta da Galiza pretende aprobar a concesión de explotación para a cadea de minas de litio e tantalio que queren implantar entre a serra do Cando e o monte Seixo sen a debida declaración de impacto ambiental. Unha fraude de lei, sinalan colectivos veciñais e medioambientais, que o BNG trasladou ao Parlamento da Galiza para solicitar que o proxecto se someta ao trámite de avaliación de impacto ambiental que exixe a lexislación. 

Organizacións sociais e de defensa do territorio alertaron nos últimos meses do perigo ambiental do proxecto mineiro Alberta I, impulsado pola empresa Recursos Mineiros da Galiza, que afecta na súa fase inicial aos concellos de Beariz e Avión, mais que podería estenderse até os municipios de Forcarei, A Lama e Cercedo-Cotobade. O Instituto Xeolóxico e Mineiro de España e a Sociedade Galega de Historia Natural foron das primeiras en sinalar os riscos de afundimento pola proximidade de núcleos habitados e da formación de augas ácidas, declarando a necesidade de someter o proxecto ao trámite da avaliación de impacto ambiental e social.

Na mesma liña, a rede galega de colectivos en contra da minaría destrutiva, Contraminacción, mais a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, presentaron nas últimas datas alegacións ante a Xefatura do Servizo de Enerxía e Minas e da Sección de Avaliación Ambiental para tratar de frear o que consideran un novo ataque medio ambiental da Xunta.

Trámites ambientais

Goberno galego e a operadora pretenden a aprobación das minas de litio na serra do Cando e no monte Seixo sen o necesario trámite de avaliación ambiental a pesar dos riscos asociados á radioactividade e contaminación por metais pesados. O proxecto, recalcan, afectaría zonas habitadas e produtivas das comarcas do Ribeiro, O Carballiño, Tabeirós-Terras de Montes e Pontevedra, en espazos de grande interese paisaxísticos e ambiental.

Os promotores do xacemento pretenden valerse da fragmentación artificial do proxecto para sortear o trámite ambiental, manteñen desde Contraminacción, cando da memoria presentada pola empresa concesionaria se deduce "a intención de ampliar a explotación ao longo do tempo", unha práctica habitual das mineiras que a Xunta da Galiza vén permitindo de maneira ilegal, como tamén asegura Adega.

"O Estudo de impacto ambiental aportado no informe de solicitude limítase a unha área reducida afectada, sen explicar como se vai desenvolver este proxecto máis amplo nin cales serán as zonas de explotación. Estamos ante un fraccionamento artificioso que supón unha fraude de lei que busca ocultar impactos ambientais moito máis extensos". Adega fala, ademais, dun proxecto "escandaloso" que de "furtar o trámite ambiental" abre a porta da vía xudicial, "tanto pola vía do contencioso-administrativo como pola penal, que non desbotamos".

Garantías sociais

A empresa descarta a avaliación de impacto ambiental malia que a lei galega exixe este requisito sempre que os proxectos mineiros se atopen a menos dun quilómetro de núcleos urbanos e poidan supoñer un risco para o progresivo afundimento dos terreos, mesmo a pesar dos "baleiros legais" que a normativa galega foi sumando desde a chegada do PP ao Goberno, denuncia a asociación ecoloxista.

"Feixoo dinamitou a lexislación previa", que buscaba ser máis respectuosa co medio ambiente e máis xusta desde o punto de vista social, aseguran desde Adega. "A minaría non pode ser sustentábel, pero desde 2009, o que fixeron foi modificar a lei para fulminar calquera garantía social e abrir a porta a unha vaga de explotacións de minerais estratéxicos e tecnolóxicos cuxo modelo colonial ameaza os recursos da Galiza".

Un modelo baseado no espolio, na depredación, que busca o máximo beneficio das empresas multinacionais a costa do deterioro do territorio, expuxo onte o deputado nacionalista Luís Bará na comisión de ordenamento do territorio do Parlamento de Galiza. O BNG presentou unha proposición non de lei para solicitar o sometemento do proxecto á declaración de impacto ambiental e garantir un control efectivo e rigoroso de todos recursos que se pretenden explotar e que contou co apoio do grupo socialista e o voto en contra do Partido Popular.