A frota ve a eólica mariña detrás do veto de Bruxelas á pesca de arrastre

Buque do arrastre entrando no porto de Celeiro en Viveiro (Foto: Dura-Ace).
As limitacións á pesca coa arte do arrastre anunciadas pola Comisión Europea representan unha nova ameaza para esta fracción de frota conformada por 128 embarcacións. Os representantes do sector consultados por Nós Diario non descartan a influencia do lobby das renovábeis detrás desta decisión ao aspirar a instalar parques de eólica mariña en zonas de actividade pesqueira.

A frota galega do arrastre veuse reducida en 26,1% na última década. Actualmente fan parte da mesma 128 buques, 28 dos cales desenvolven a súa actividade en caladoiros internacionais, 49 en augas comunitarias e 51 no denominado caladoiro Cantábrico Noroeste.

Precisamente, neste caladoiro deixaron de faenar 33 embarcacións desde 2012 aos que se suman outros 12 barcos presentes en augas internacionais. Só as augas comunitarias manteñen o mesmo número de arrastreiros de hai unha década, após as  reconversións de 2009 e 2010. 

Prohibición de 20% das augas

O presidente da Alianza Europea da Pesca de Fondo, Iván López, manifesta a Nós Diario a súa preocupación pola situación. Neste sentido, explica que o anuncio do comisario europeo de Pesca, Virginius Sinkevicius, de prohibir a arte do arrastre en 20% das áreas mariñas protexidas de cada un dos Estados da Unión Europea “busca alterar a Política Pesqueira Común (PCP) sen falar co Parlamento europeo e sen falar cos Estados membros”.

López non descarta a conexión entre esta proposta do comisario europeo de Pesca e a presión do lobby das enerxías renovábeis. Nesta liña, lembra “o escenario de necesidade enerxética actual marcado pola crise de Ucraína” e “o tipo de industria que está detrás dos proxectos de renovábeis, que dispón de moitos recursos económicos e conta con fundacións con capacidade para influír”. 

O presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, sinala a Nós Diario “que hai unha axenda marcada para destruír a frota” e avanza que “esta  decisión da Comisión Europea abre a vía a que novas embarcacións abandonen a actividade”. Na mesma dirección, afirma que “o veto á pesca en determinadas áreas das augas comunitaria está a crear impacto non só no arrastre senón en artes como o palangre”.

Eólica mariña

Pérez Sieira indica que “estamos vendo como a eólica mariña medra por todas partes” e “os emprazamentos escollidos para a mesma son onde están os nosos mellores bancos de pesca”. Nesa dirección, apunta que “os grandes lobbies das enerxías renovábeis teñen moitos recursos económicos para condicionar as decisións das institucións” e destaca que “Bruxelas está cheo de lobbies”. 

O presidente da Asociación de Arrastreiros de Ribeira, Ignacio Vázquez, foi unha das primeiras voces autorizadas do sector pesqueiro en denunciar o papel dos operadores enerxéticos nas limitacións á actividade pesqueira. 

Nesta liña, Ignacio Vázquez declara a Nós Diario que “a Comisión Europea está tomando decisións que afectan a pesca en base a informes elaborados polo propio lobby eólico, até o punto de que determinados informes científicos aparentemente neutros son financiados por estas compañías”.