A Cámara galega pide ao Goberno español "axilidade" no plan de eólica mariña

O Hórreo urxe delimitar as áreas para aeroxeradores
Infografía dunha das zonas onde hai proxectado un eólico mariño (Foto: Nós Diario)
photo_camera Infografía dunha das zonas onde hai proxectado un eólico mariño (Foto: Nós Diario)

O Parlamento galego solicita ao Goberno español que axilice a aprobación dos plans que delimitan as zonas nas que implantar enerxías mariñas (POEM). A proposta do PP con esta demanda contou co apoio do PSdeG e a abstención do BNG.

A comisión de Industria debateu onte esta proposición non de lei do PP sobre o apoio da Xunta á plataforma experimental de eólica mariña prevista a 10 quilómetros do porto exterior da Coruña. Con ela, após saír adiante co apoio dos grupos popular e socialista, tamén se demandaba ao Goberno español a "axilización" da aprobación dos devanditos plans.

En concreto, reclamábaselle que "axilice" dita aprobación para poder coñecer as zonas que van estar delimitadas para a implantación de enerxías mariñas, "salvagardando sempre os intereses do sector marítimo-pesqueiro e a preservación do ecosistema mariño".

En canto ao apoio á plataforma experimental, refírese a esta iniciativa como "proxecto piloto para o posterior despregamento da eólica mariña na Galiza e a nivel de todo o Estado".

"Pendentes"

José Manuel Balseiro (PP), defensor da proposta na comisión, afirmou que a Xunta está "plenamente comprometida coas renovábeis" e cargou contra o Executivo español por ter "pendente de aprobar" cal son e cal non as zonas para acoller a eólica mariña. Sen esas delimitacións, dixo, non hai "folla de ruta" posíbel para esta modalidade de enerxía.
Patricia Otero (PSdeG), pola súa parte, defendeu o proceder do Goberno español e dixo que o que se procuraba era "compatibilizar "eólica e pesca".

Para Ramón Fernández, do BNG,  máis que a axilidade do Plan de ordenación dos espazos marítimos (POEM), o que "nos preocupa" é que este plan "sexa rigoroso, exhaustivo e sen presións dos lobbies enerxéticos". O deputado nacionalista defendeu ter en conta a voz e a opinión do sector pesqueiro galego, o que tamén é compatíbel cun desenvolvemento eólico.

Comentarios