Persoal tradutor da xustiza pide especialización e recoñecemento

A AGPTI reivindica que nun ámbito tan sensíbel como o da Xustiza haxa persoas traducindo e interpretando coa acreditación necesaria (Foto: Nós Diario).
"O persoal tradutor desempeña un traballo que, alén de ser delicado, pois as cuestións xudiciais adoitan atanguer aspectos importantes da vida das persoas, esixe un alto grao de especialización, polo que son necesarios coñecementos lingüísticos de estudos superiores para levalo a cabo coa solvencia e o rigor que require", asegura a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación. 

"Porque cando nos doe a cabeza non imos ao veterinario nin chamamos a un fontaneiro para que nos faga a declaración da renda, cómpre contratar profesionais!". A chamada de atención parte do colectivo de persoas expertas en tradución e interpretación da Galiza e pódese ver na páxina de inicio do portal web da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación

Hai poucos días esta entidade fixo público o seu malestar polo proceso selectivo de persoal laboral de tradución e interpretación para a Administración de Xustiza publicado no DOG do pasado 26 de decembro.

A AGPTI reivindica que nun ámbito tan sensíbel como o da xustiza haxa persoas traducindo e interpretando coa acreditación necesaria para ofrecer un servizo de público de calidade, por iso censura que a única titulación requirida sexa a de bacharelato.

Non é un feito illado, recalcan desde a AGPTI, mais tamén desde a propia Administración de Xustiza, onde profesionais da tradución e a interpretación consultados por Nós Diario aseguran que se trata "dunha anomalía que concirne a todas prazas".

"O persoal tradutor desempeña un traballo que, alén de ser delicado, pois as cuestións xudiciais adoitan atanguer aspectos importantes da vida das persoas, esixe un alto grao de especialización, polo que son necesarios coñecementos lingüísticos de estudos superiores para levalo a cabo coa solvencia e o rigor que require", aseguran.

Estudos superiores

No seu día a día estes profesionais traducen documentación de distintos órganos xudiciais, sentenzas incluídas, e atenden encomendas de grande envergadura como a interpretación do macroxuízo do Prestige, "que as tradutoras intérpretes do TSXG non poderían facer sen estudos superiores", ou a tradución ao galego dos exames para o mestrado de acceso á avogacía do Ministerio de Xustiza. "O que lle convén á Administración somos tradutores con titulación", sentencian.

É po iso que tachan de desfasado o criterio único do título de bacharelato, insuficiente para acreditar uns coñecementos lingüísticos superiores que se imparten nas universidades galegas -graos de Filoloxía Galega e de Tradución e Interpretación- e que na práctica están a demandar. 

"Cando a Xunta convoca probas para a habilitación profesional de tradutores xurados e intérpretes xurados doutras linguas para o galego e viceversa, esixe estar en posesión dunha titulación universitaria e non dun simple bacharelato". E da mesma maneira, engaden, para a concesión dos traballos de tradución a outras linguas, un servizo que a Xunta ten externalizado, din, "tamén se lle esixe á empresa concesionaria un nivel de titulación universitaria no seu persoal".

Os e as tradutoras non vén coherente nin xustificada "esta diferente vara de medir dous colectivos tan sumamente próximos".

"Na propia Xunta están os tradutores intérpretes da administración de xustiza, persoal laboral grupo III, e, nos antípodas, os tradutores do DOG, funcionarios do grupo A, cando ambos os colectivos fan esencialmente o mesmo traballo: traducir documentación xurídico-administrativa entre as dúas linguas cooficiais". Un "agravio" que urxen corrixir de vez. De feito xa hai administracións autonómicas e locais que veñen reclasificando os seus corpos de tradutores, un obxectivo que na Galiza están a pelexar tamén vía xudicial con sentenzas favorábeis en primeira instancia.