A Xunta pretende contratar un tradutor sen a titulación superior

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) revela a Nós Diario que remitirá unha queixa á Xunta da Galiza en relación co proceso selectivo de persoal laboral de tradución e interpretación para a Administración de Xustiza, publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) do pasado 26 de decembro de 2022. Nós Diario conversa con Iria Taibo, presidenta da AGPTI, sobre os dereitos laborais dos profesionais da tradución e o dereito da poboación a recibir un servizo público de calidade.
Persoal tradutor e intérprete no ámbito da Xustiza é necesario para prestar un servizo de calidade. (Foto: Aerogondo)
photo_camera Persoal tradutor e intérprete no ámbito da Xustiza é necesario para prestar un servizo de calidade. (Foto: Aerogondo)

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) revela a Nós Diario que remitirá unha queixa á Xunta da Galiza en relación co proceso selectivo de persoal laboral de tradución e interpretación para a Administración de Xustiza, publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) do pasado 26 de decembro de 2022.

A convocatoria do concurso indica como único requisito relativo á formación para que as persoas sexan admitidas no proceso selectivo "estar en posesión ou en condición de obter  antes da publicación no DOG da resolución de persoas aprobadas [...] o título de bacharel ou técnico".

Titulación de Tradución e Interpretación na Uvigo

Para a AGPTI a titulación de bacharelato é "totalmente insuficiente, pois non cualifica para un traballo de tradución nin de  interpretación". O colectivo de tradutores e intérpretes galegos considera que, con este criterio, a Administración "ignora e non ten en conta" a titulación de Tradución e Interpretación que imparte no Campus de Vigo da Universidade de Vigo (UVigo). 

A presidenta da AGPTI, Iria Taibo, explica en declaracións a Nós Diario que a queixa que a asociación está a elaborar encádrase cunha loita de vello dos colectivos de persoal tradutor e intérprete. "Dalgunha maneira entendemos que a Administración non sempre é consciente do traballo técnico que implica facer unha tradución", aclarou Iria Taibo. 

"Non é, de feito, a primeira vez que acontece que unha Administración saca unha praza a concurso –neste caso trátase da consolidación dunha praza– sen ter en conta a titulación" das persoas candidatas. A presidenta da AGPTI fixo estes comentarios en relación a casos semellantes acontecidos no seo das Deputacións de Ourense e Pontevedra; casos que, logo da intervención da AGPTI, chegaron a corrixirse, volvéndose publicar as convocatorias con novos requisitos para as persoas aspirantes. 

En procesos selectivos sen criterio de titulación o colectivo entende que a Administración "non ten en conta as titulacións que existen na Galiza". 
A AGPTI chama á reflexión: "É suficiente ter só o bacharelato para desempeñar un traballo destas características na Administración pública, e concretamente no ámbito da Xustiza?", cuestionou Iria Taibo. "Nós consideramos que as persoas graduadas en Tradución e Interpretación están máis capacitadas para facer este traballo de tradución na Administración pública que unha persoa que só ten o bacharelato", sinalou. 

Desde a AGPTI insisten na necesidade de que no ámbito da Xustiza haxa persoas acreditadas traducindo e interpretando, "porque ao final iso repercute na calidade da atención que fai a Administración pública de cara á cidadanía". 

Un servizo de calidade

Por este motivo, a AGPTI solicitará á Xunta da Galiza a retirada ou a rectificación dese requisito na convocatoria, de maneira que se dea, como mínimo, prioridade ás persoas que teñan unha titulación axeitada para o posto. 

A asociación busca, por unha parte, defender os dereitos laborais das persoas que desenvolven o traballo de tradución e interpretación coa acreditación necesaria, mais tamén defender o dereito da poboación a recibir un servizo público de calidade. "Na Xustiza ninguén pode quedar indefenso", sentenciou a presidenta da entidade.
 

Comentarios