O Pazo de Meirás recibe as primeiras visitantes, emocionadas porque "a historia volve a onde pertence"

Visitantes no Pazo de Meirás (Foto: M. Dylan / Europa Press)

"Este é un momento moi especial, tras todo o proceso, por fin estamos aquí", dixo Carlos Babío ao concluír a visita que este domingo guiou no Pazo de Meirás.

Máis de 80 anos tiveron que pasar para que a sociedade civil volvese pasear polos máis de mil metros cadrados que ocupa o Pazo de Meirás, no concello de Sada. Este domingo, 4 de xullo, visitantes e xornalistas accederon por primeira vez ao pazo desde o seu paso ao patrimonio público. Foron guiados polos expertos Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, autores do libro Meiras, un pazo, un caudillo, un espolio, obra chave na sentenza que devolveu o pazo ao ben público ao documentar o espolio que a ditadura realizou para que o pazo acabase en mans de Franco e os seus descendentes.

Polo momento, dadas as restricións pola pandemia, as visitas guiadas, dúas cada día -ás 10 horas e ás 12 horas- son para un máximo de 20 persoas. "Hoxe fallaron dous grupos, pero as prazas están todas reservadas para os próximos días", comentou a concelleira de Cultura de Sada, Paola Mondaca.

Carlos Babío puntualizou ademais que esperan que "máis adiante, o acceso sexa libre, ademais das puntuais visitas guiadas que se poidan programar". Ese "futuríbel" modo de proceder depende tamén da decisión xudicial sobre os bens inmóbeis do Pazo de Meirás que, a falta aínda de resolución, non se poden contemplar durante a visita.

Con todo, os xardíns e os exteriores do emprazamento -diferentes aos orixinais debido ás expropiacións e espolio levados a cabo polo réxime de Franco- albergan suficiente historia como para manter a atención das e dos visitantes durante case dúas horas.

Tal e como destacou Lorenzo ao comezo da visita, "máis alá do papel de Pardo Bazán e dos Franco, en Meirás pódense observar detalles históricos desde o século XIX, momento da súa fundación".

O pazo de Meirás nace como fortaleza medieval da man do cabaleiro Roi de Mondego -enterrado na capela do pazo-. O lugar irá pasando de xeración en xeración e de vicisitude en vicisitude -como o incendio provocado polas tropas francesas no século XIX-. Será o avó da escritora , Miguel Pardo Bazán, quen reconstruirá o edificio aínda que, dadas as súas inclinacións liberais, acomete as obras "eliminando todo sinal de nobreza" e denominándoo "Granxa de Meirás".

As torres

Neste edificio, máis modesto e independente da capela e as recoñecidas Torres de Meirás será onde, anos despois, a súa neta, a escritora Emilia Pardo Bazán, cree obras como A Tribuna, Nai Natureza ou Os Pazos de Ulloa.

"Con todo, Pardo Bazán quería unha residencia máis cómoda e cun aspecto máis señorial, e por iso, entre 1894 e 1910, manda construír o edificio das Torres, de estética medieval", explica Lorenzo. A parte máis recoñecíbel do pazo debémoslla, tal e como remarcou o historiador, a dúas mulleres, á propia Emilia e á súa nai, "responsábeis do deseño, planos incluídos, e da decoración".

Para Bazán, tan importante como a súa ascendencia nobre, "que se encargou de remarcar por todo o edificio, mediante escudos e emblemas", era ser escritora e muller. Nas vidreiras "mandou incluír os títulos das súas obras" e nas cadeiras do seu estudo, bordadas pola súa nai, caras de pensadoras da antigüidade.

En 1938, créase a 'Xunta Pro Pazo do Caudillo' para comprar o terreo e entregarllo a Franco como agasallo. "A operación custeouse con donativos forzosos. Un xeneral de Franco aconsellou deter a operación porque, de coñecerse as cifras, o Caudillo quedaría en moi mal lugar", explica Lorenzo na entrada do edificio.

O recibidor do edificio das Torres é un dos poucos espazos interiores permitidos para as e os visitantes, xunto coa entrada á Capela. "Aínda que de momento é pouco, chega para ilustrar o paso da familia Franco", comenta outra das visitantes. E é que o ditador converteu Meirás en non só a súa residencia familiar de verán, senón tamén, durante a época estival, "na capital administrativa da ditadura".

No pazo era onde o ditador tiña a súa propia explotación agropecuaria, "pola que cobraba ao Estado e da que se alimentaba”. Ademais, en Meirás, Franco ralizaba os Consellos de Ministros e audiencias a mandatarios estranxeiros no comedor e na biblioteca das Torres de Meirás, onde se decidiu, por exemplo, sobre o coñecido como 'Proceso de Burgos' contra antifranquistas.

Este dato, foi un dos que máis sorprendeu aos visitantes, así como as "mostras" dos espolios ao patrimonio cultural galego. Foron varias as exclamacións que se escaparon -así como moitas as fotografías disparadas- ao ver unha das pilas bautismais da igrexa de Moraime, en Muxía, arrincada e levada ao pazo para ser empregada como maceteiro; os restos do pazo de Bendaña, de Dodro, incluídas dúas gárgolas levada a Meirás para elevar un banco; ou as esculturas dos profetas realizadas polo Mestre Mateo que pertencían ao Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela.

Recuperación para o público

Tras a morte do ditador, colectivos veciñais comezaron a reclamar a devolución do pazo ao patrimonio público. O proceso viviu un dos seus momentos chave en 2017 coa declaración do enclave como Ben de Interese Cultural (BIC), impulsada pola 'Xunta pro devolución', apoiada pola Deputación da Coruña cun papel relevante da daquela vicepresidenta da institución, a nacionalista Goretti Sanmartín.

Esta nova situación obrigaba aos Franco a abrilo catro veces ao mes. Unha das parellas que visitou este domingo Meirás, procedentes de Ávila, estiveran nun deses paseos organizados pola Fundación Francisco Franco. "Ambas as historias son moi diferentes", indicou a parella, que felicitou Babío e Lorenzo "polo enorme traballo realizado".

Unha felicitación á que se sumaron Jesús e Pilar, de Donosti, que se mostraron "moi contentos de que a historia volva a quen lle pertence" e que advertiron ademais de que volverán cando se poida visitar o interior.

"Este é un momento moi especial, tras todo o proceso xudicial -que en 2020 decidiu o paso do pazo ao patrimonio público-, por fin estamos aquí", concluíu a visita Carlos Babío, diante da fachada máis recoñecíbel para as e os alí presentes que, desde este domingo, pasarán a formar parte da longa historia do Pazo de Meirás.