A patronal galega do transporte pide ao Goberno español intervir o mercado dos combustíbeis

Marcha de camioneiros galegos en protesta polos prezos do combustíbel. (Foto: Raúl Lomba/Europa Press)
A través dun comunicado de prensa, Apetamcor advirte de que os transportistas que operan na Galiza "poderían verse abocados a curto prazo a un colapso total e á paralización da súa actividade".

A Asociación Empresarial do Transporte de Mercadorías por Estrada da Galiza (Apetamcor) pediu intervir o mercado dos combustíbeis "para evitar o colapso do transporte por estrada".

A través dun comunicado de prensa, Apetamcor advirte de que os transportistas que operan na Galiza "poderían verse abocados a curto prazo a un colapso total e á paralización da súa actividade", ao "non poder absorber o incremento dos seus custos de explotación, agravados día a día pola escalada incontrolada e a volatilidade dos prezos dos combustíbeis".

"Sen que nada faga prever que vaia producirse unha rebaixa dos prezos do  gasóil, senón que moi pola contra, xa se augura unha maior crise enerxética, agravada ademais pola situación bélica que sofre Ucraína tras a invasión rusa, Apetamcor reclama solucións urxentes por parte do Goberno español intervindo este mercado de forma extraordinaria", subliña.

No medio dunha conxuntura económica "tan crítica", engade, a patronal considera "inadmisíbel que uns dos grandes beneficiados desta crise sexan as grandes compañías enerxéticas", que, critica, "están a obter unhas ganancias escandalosas á conta dos pequenos consumidores".

"Beneficios extraordinarios" de Repsol

Neste sentido, os empresarios galegos do transporte de mercadorías resaltan "o caso dos beneficios extraordinarios de Repsol, que só no primeiro trimestre deste ano obtivo uns beneficios de 1.400 millóns de euros, máis do dobre dos que gañou no mesmo trimestre de 2021".

"Como proba da situación de abuso e especulación que sofre o mercado dos combustibles no Estado español, Apetamcor destaca os datos que publicou a Comisión Europea a última semana do prezo do gasóleo antes de impostos en Francia que se situaba 16 céntimos máis baixos, polo que a pesar da maior fiscalidade sobre os carburantes no país galo o prezo nas gasolineiras é practicamente similar ao do Estado español", expón.
 

A Asociación Empresarial do Transporte de Mercadorías por Estrada da Galiza reitera "a necesidade de que o Goberno español interveña o mercado dos combustíbeis" para "evitar que se agrave a escalada de abuso das petroleiras".