O prezo de gasóleo supera na Galiza dous euros litro

Os transportistas quentan motores para parar en xullo

Os transportistas prepáranse para parar no mes de xullo. Mentres a entidade convócante  das protestas de marzo chama aos seus socios a unha asemblea o 27 de xuño para tomar unha posición ao respecto, outros colectivos perfilan a súa posición. O paro do transporte por estradas pode ir acompañado do amarre da flota.

Protesta dos transportistas en Ferrol, esta cuarta feira (Foto: Raúl Lomba / Europa Press).
photo_camera Protesta dos transportistas en Ferrol, no pasado mes de marzo (Foto: Raúl Lomba / Europa Press).

As axudas outorgadas polo Goberno do Estado para minguar a suba dos carburantes non deron os resultados agardados. A día de hoxe, os transportistas galegos están pagando xa por enriba dos prezos de marzo os seus combustíbeis. A situación repítese na pesca con ducias de embarcacións paradas na costa galega, cuxos custos de produción se sitúan por encima do recadado pola venda de peixe.

As organizacións de transportistas manteñen posicións diverxentes sobre o paro. Así, o secretario xeral da Federación Galega de Transporte de  Mercadorías ( Fegatramer), Carlos García Cumplido, avisa de que “sería un erro” volver ao bloqueo.

A entidade, que é maioritaria no Comité Galego de Transportes na Galiza e aglutina a 40% do sector de mercadorías no país, non apoiou o paro de dúas semanas que se produciu o pasado mes de marzo.

“Ante esta situación, calquera cousa pode pasar”

A secretaria xeral da Asociación Empresarial de Transporte de  Mercadorías por Estrada da Galiza (Apetamcor), Miriam Otero, a principal asociación que apoiou os paros de marzo, apunta que aínda non poden valorar se apoiarán novas protestas, pero deixa claro que, “ante esta situación, calquera cousa pode pasar”.

O colectivo urxe ao Goberno do Estado novas medidas para atallar esta escalada de prezos senón considera moi complicado evitar a volta aos bloqueos. En todo caso, deixan en man da súa asemblea de asociados decidir a posición a manter en relación co paro.

O presidente Asociación Empresarial Transportes Río Miño (Aetram) en Lugo, Diego Arias, asegura que “agora mesmo é inviábel traballar”, nunha semana onde o litro de gasóleo superou os dous euros de forma xeneralizada nas gasolineiras galegas.

A situación é “moi complicada”

As entidades que discrepan sobre a eficacia do paro coinciden en que a situación é insostíbel. Así, García Cumplido indica que a situación é “moi complicada”, posto que a bonificación de 20 céntimos por litro “non provocou o efecto previsto”, dado que foi “absorbida polo incremento” de prezos que se produciu.

O voceiro da principal patronal do transporte sinala que o paro de marzo “non achega nada” e por iso entendede que adoptar as mesmas medidas en xullo “veriámolo totalmente fóra de lugar”.

A secretaria xeral de  Apetamcor, Miriam Otero, incide en que se vive unha "grande incerteza e volatilidade", polo que "ante esta situación calquera cousa pode pasar". "O Goberno do Estado ten que tomar medidas pero xa, non queda outra", conclúe Otero.

Comentarios