Transportistas galegos ven "inviábel" traballar co prezo actual dos carburantes: "É mellor ter os camións parados"

O litro de gasolina e gasoil supera xa os dous euros na maioría das gasolineiras galegas.
Protesta do sector do transporte en Lugo, o pasado 22 de marzo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Protesta do sector do transporte en Lugo, o pasado 22 de marzo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O presidente da asociación de empresarios do transporte Asociación Empresarial Transportes Río Miño (Aetram) en Lugo, Diego Arias, asegurou esta segunda feira que, co prezo dos carburantes disparado, "agora mesmo é inviábel traballar".

"A día de hoxe sáenos a conta mellor ter os camións parados que andando. Antirrentábel total", sentenciou este empresario do sector do transporte.

A respecto dos 20 céntimos de axuda do Goberno estatal ao litro de combustíbel, Arias lamentou que ese "desconto xa llo comeu na primeira semana", polo que considera que apenas serviu para frear a escalada de prezos.

"Seguimos esperando a ver se desde a Administración hai algunha solución, porque se non, ímonos ver obrigados a parar, e sen tardar moito", advertiu Arias.

Aliás, queixouse de que a Galiza sexa un dos territorios co carburante "máis caro" nas gasolineiras, e iso a pesar de contar "cunha refinaría na Coruña".

"É unha das preguntas que sempre nos facemos, na Coruña temos unha refinaría e resulta que esta refinaría fornece Castela-León e é máis barato o carburante nesa comunidade que na Galiza", reprobou o presidente de Aetram en Lugo.

Actualmente, os prezos do gasoil en varias estacións de servizo da cidade de Lugo superan xa os dous euros por litro, un prezo que se supera en boa parte do país. A mesma marca rolda o custo actual da gasolina.

Comentarios