Un paso máis cara ao pacto galego contra o machismo

Cadea feminista celebrada en Baiona o 25 de novembro de 2019 (Imaxe: En negro contra as violencias).
Esta terza feira o ditame da comisión non permanente de estudos para a igualdade e os dereitos das mulleres será sometido aos votos das forzas do Parlamento galego. A oposición empraza o Executivo a concretar as achegas do ditame nunha batería de medidas, cun calendario e orzamentos concretos, englobados nun pacto galego contra as violencias machistas.   

En decembro, a comisión non permanente de estudos para a igualdade e para os dereitos das mulleres do Parlamento da Galiza aprobaba, cos votos positivos do Partido Popular e a abstención da oposición, un ditame para a avaliación da aplicación das leis estatal, aprobada en 2004, e galega, de 2007, de protección contra a violencia de xénero. Hoxe será sometido aos votos das forzas da Cámara galega.

A comisión foi creada en 2013, e o ditame leva dúas lexislaturas en trámite. Para a súa elaboración recolléronse 83 comparecencias e 28 informes de asociacións, colexios profesionais, académicas ou profesionais da Administración. Nas súas conclusións detállanse até 63 propostas a aplicar en eidos como a sanidade, a educación ou o emprego.

A presidenta da comisión, a popular Paula Prado, celebra que na elaboración do ditame todos os grupos traballasen "na mesma dirección". "A nosa lexislación é máis avanzada que a estatal", valora en declaracións a Nós Diario

Tempos e orzamento
As representantes da oposición coinciden no avance que supuxo a lei galega, mais botan en falta unha análise crítica daqueles artigos que estivesen a ser incumpridos para mellorar a súa implantación. Ao tempo, urxen ao Goberno galego a traballar nun calendario e en partidas orzamentarias concretas. "Faltan as medidas", precisa a deputada do Grupo Común de Esquerda, Paula Quinteiro, "e a partir de mañá entendemos que toca comezar a traballar nelas".

Para a nacionalista Noa Presas, as achegas das expertas ao ditame "víronse superadas en ocasións pola propia realidade". "Nestes momentos entendemos que as reclamacións do feminismo nas rúas van máis alá de cuestións descritivas", engade. A deputada de En Marea Paula Vázquez Verao salienta que o acordo acadado na comisión é "de mínimos". O seu grupo e mais o BNG demandan ao Goberno galego a destinar, como mínimo, 1% do orzamento anual en políticas contra a violencia machista.

A oposición tamén emprazou o Goberno galego a seguir dando pasos, desde hoxe, cara ao pacto galego contra a violencia machista. A deputada popular Paula Prado asegura que o PP "ten a mirada posta en dous meses a partir da hoxe para dar os primeiros pasos".

Medidas urxentes
No eido educativo, as recomendacións do ditame fan referencia á formación do profesorado en materia de xénero e coeducación, a promoción dos logros das mulleres en ámbitos como a ciencia ou o deporte ou concienciar nun uso responsábel e non sexista das redes sociais. Tamén se fai fincapé na necesidade de previr a normalización da prostitución, especialmente entre o alumnado máis novo. A deputada nacionalista Noa Presas incide na necesidade prioritaria de dotar dun orzamento adecuado as partidas destinadas a estes fins.

"Actualmente organízanse moi poucos obradoiros nos centros educativos, que nunca chegan a todo o alumnado", explica a Nós Diario
Tanto a deputada do BNG como a de En Marea, Paula Vázquez Verao, engadiron nos votos particulares dos seus grupos a demanda de poñer fin aos concertos con centros que segregan por sexo. "Parécenos esencial", asevera Vázquez Verao. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube