O feminismo volve saír ás rúas da Galiza contra a violencia machista

Mobilización contra o feminicidio na Coruña (Imaxe Nós Diario)

Máis dunha trintena de cidades e localidades galegas acolleron mobilizacións contra a violencia machista e en lembranza de de Manuela Iglesias, de 79 anos, última vítima por feminicidio no noso país.

De Vigo a Ribadeo, de Verín a Cee, miles de persoas participaron esta segunda feira nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para denunciar e rexeitar o último crime machista na Galiza e o primeiro deste ano: o asasinato na Pastoriza de Manuela Iglesias, de 79 anos de idade.

Máis unha vez, desde mozas até mulleres de idade avanzada saíron ás rúas do país para denunciar a continuidade do “terrorismo machista”, máis aínda en tempos nos que formacións negacionistas desta realidade reciben centos de miles de votos no Estado.

“A sociedade segue sen estar á altura da resposta que precisamos para que a vida das mulleres se coloque no centro e un asasinato deixe de ser apenas unha anécdota”

“Volvemos ter a necesidade de reclamar medidas reais e efectivas para a prevención da violencia machista”, reclama o feminismo no manifesto lido nas concentración. “Repetir incansabelmente que só coa educación e con cambios radicais estaremos en disposición de dar pasos reais para acabar coas causas da violencia machista. Que seguimos estando soas cando denunciamos, que sufren as nosas fillas cando se lles nega protección fronte aos maltratadores”, denuncian. Así, no manifesto exponse que” a sociedade segue sen estar á altura da resposta que precisamos para que a vida das mulleres se coloque no centro e un asasinato deixe de ser apenas unha anécdota”.

“Estamos e seguiremos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravidade, pero para esixir cambios REAIS. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios”, conclúe.