Os CIM reivindican que a formación en igualdade sexa obrigatoria

Detalle da manifestación do 25-N de 2019 en Compostela.
A reivindicación do cese de todas as violencias machistas inaugura a lista de desexos da Asociación de profesionais dos Centros de Información á Muller da Galiza (Asocim) para o ano 2020. 
 

Eivadas pola falta de investimento e de recursos para afrontar unha demanda crecente de información e asistencia psicolóxica, social, xurídica e laboral especializada a mulleres vítimas da violencia de xénero, as profesionais dos Centros de Información á Muller (CIM) exixen a fin de todas as violencias: psicolóxica, física, sexual e económica; obxectivo para o que considera imprescindíbel unha mellor repartición dos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

Reclaman a optimización dos servizos que traballan coas vítimas e o aumento das axudas destinadas ás mulleres que están a sufrir violencia machista. “As prestacións que reciben, cuxa contía e duración deben obedecer á situación real de vulnerabilidade que atravesan, deben permitirlles atender as súas necesidades e situalas nun eido seguro desde o cal recuperar a súa liberdade e independencia”, sinala a asociación nun comunicado difundido a través das súas redes sociais.

Asocim pide reforzar os CIM con persoal e recursos que faciliten unha atención competente ás usuarias. Ademais, considera imprescindíbel “a expansión dos centros para poder atender en tempo e forma as mulleres das zonas rurais, en particular, as do interior, marcado pola dispersión da poboación”.

Pide unha formación continuada, especializada e de calidade para todas as profesionais, persoal experto en colectivos de menores e LGTBIQ+, mellorar o funcionamento dos Puntos de Encontro Familiar para evitar situacións conflitivas, e a supresión do Servizo de Apoio Familiar (SAFIM) promovido pola Asociación Galega de Nais e Pais Divorciados; por tratarse "dun recurso de mediación e coordinación parental que podería poñer en risco o benestar dos menores ao influír no transcurso do proceso xudicial e carecer de imparcialidade".

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.