A revolución por coñecer da Estrada en 1870

18 de xullo de 1870 as forzas da orde deron por derrotada a revolta da Estrada. Após 13 días de loita, efectivos da Garda Civil e do Exército reducían ao último núcleo rebelde resistente na parroquia de Berres. A loita do republicanismo federal con ligazóns internacionalistas continuaba.

 

La_esp_Rep._Federal,_Rep._Unitaria_(2)
photo_camera O republicanimo escindiuse no Sexenio entre un sector centralista e unha corrente federal. (Foto: La Flaca).

A revolución da Estrada de 1870 débese contextualizar no importante ciclo de protestas sociais e tamén de represión que vive Galiza ao longo so Sexenio. Unha visión de conxunto das mesmas dá conta das resistencias e do carácter conflitivo da inserción de Galiza no Estado español, construción, nos seus aspectos fulcrais, dos liberais do século XIX, da situación de emerxencia da nosa sociedade e das dificultades abertas no proceso de articulación do modelo unitario e tamén da vitalidade e do carácter combativo do pobo galego.

O tempo político do Sexenio (1868-1874) caracterizouse na Galiza por unha grande conflitividade social. Unha vaga de protestas inaugurado na segunda metade de 1869 co levantamento republicano federal focalizado en Ourense e Ferrol contra a proposta de constitución centralista e monárquica impulsada polo Goberno de Prim e Serrano e rematado a finas de 1873 coa revolta internacionalista de Viana do Bolo de decembro de 1873, articulada arredor da voz de orde: "Madrid, a besta que rouba e oprime Galiza".

As protestas republicano federais

Os sucesos da Estrada de xullo de 1870 tiveron un carácter iniciático. A continuación deles, e se mesmo ano erguéronse  Monforte de Lemos, Quiroga, Palas de Rei, Sarria, e Maceda, localidade onde resultaron tres veciñas mortas e 37 feridas, sete delas falecidas nos días seguintes. Porén, o conflito da Estrada, sen producir vítimas mortais, demostrou unha fortaleza organizativa do movemento republicano federal  inédita. Tanto, é así que o comité organizador da protesta contaba con representantes en cada unha das 53 parroquias do concello.

O cinco de xullo de 1870 arredor de douscentos veciños das parroquias da Estrada tomaron a vila protestando contra os apremos de embargo, os impostos persoais e de consumos e a política fiscal do concello, ao tempo que retiveron ao recadador de tributos José Naveira, encargado do cobro nos núcleos de Berres, San Tomé de Ancorados e San Pedro.

Os manifestantes, que na práctica formaban unha comisión das distintas localidades do concello, tentaron tomar a casa consistorial, porén foron rexeitados pola actuación da forza pública, nomeadamente da Garda Civil e dalgúns membros da milicia nacional, que non dubidaron en abrir fogo contra a protesta, causando varios feridos entre as persoas que participan nela.

34 detidos polas protestas

A mobilización rematou cun enfrontamento violento entre os veciños armados con sachos e paus contra as forzas da orde, sendo detidos 14 deles no interior da casa do concello e outros 10 naturais de Aguións na propia rúa e así até sumar 34 detidos.

A resposta gobernativa á protesta, máis unha vez, foi o aumento da represión, a concentración de forzas na localidade e a militarización do control da orde e da recadación fiscal. Os días que seguiron ao cinco de xullo reforzouse a localidade coa chegada de gardas civís e carabineiros de localidades como Caldas, Vilagarcía ou Lalín, dándose a volta a situación o día sete, ao presentarse na Estrada 46 soldados de infantería ao mando do tenente coronel Pérez Colomer e outros 18 membros da benemérita que comezaron a persecución dos rebeldes polos diversos núcleos do concello.

As tropas partiron esa mesma xornada cara Berres e Aguións, procedendo a dispersar os veciños que se tiñan concentrado en Campo Redondo, continuando as operacións nos días seguintes, co exército a participar nos labores de recadación. Aínda así, a resistencia continuou nestes dous núcleos onde os republicano federais contaban con máis presenza.

As razóns da política fiscal do Sexenio

A faísca que prendeu o lume na Estrada foi o cobro do imposto consumo. Porén, as razóns do descontento e da revolta son máis de fondo. A reforma fiscal de Figuerola, primeiro ministro de Facenda do Sexenio, non fixo máis que avanzar nas liñas trazadas na lei tributaria de 1845, dirixidas a unificar o mercado estatal, asentar unha especialización económica no marco peninsular, onde Galiza xogaba un papel subalterno, fortalecer o poder da clase social emerxente e favorecer a penetración do capital europeo.

A política económica dos Gobernos do Sexenio non só non resolveron os problemas que estes viñan xerando senón que aumentaron a carga fiscal de Galiza, medrando as arbitrariedades no cobro, significándose no caso da Estrada as recargas que se tiñan producido. Ao tempo este concello situábase á cabeza da provincia de Pontevedra en achegas á facenda pública até sumar 49.659 pesetas, correspóndelle un contributo en materia de contribución territorial superior á da propia cidade de Pontevedra.

Comentarios