O Parlamento Europeo acollerá unha conferencia sobre a traxedia do 'Prestige' o 16 de novembro

Hemiciclo do Parlamento Europeo. (Foto: Parlamento Europeo).
A conferencia será inaugurada pola eurodeputada Karima Delli, presidenta da Comisión de Transporte do Parlamento europeo.

O Parlamento europeo acollerá o vindeiro día 16 de novembro a conferencia '20 anos do accidente do Prestige: análise da seguridade marítima en Europa', organizada pola eurodeputada do BNG na Eurocámara, Ana Miranda.

O obxectivo

Segundo explica Miranda, o obxectivo é "analizar que pasos se deron na mellora da seguridade marítima nestes 20 anos e que medidas faltan aínda por tomar para evitar outra catástrofe como a do Prestige".

A conferencia será inaugurada pola eurodeputada Karima Delli, presidenta da Comisión de Transporte do Parlamento europeo. Tamén participarán, entre outros, representantes do movemento Nunca Máis así como do sector pesqueiro e marisqueiro.

Ademais, intervirá Jacob Terlin, representante da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea, para analizar a evolución da seguridade Marítima. Así mesmo, analizaranse outros casos de contaminación mariña en Europa.

Xornada previa

Pola súa parte, o Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza organiza o día 14 unha mesa redonda sobre o tratamento informativo da catástrofe.

Será no Centro Internacional de Prensa da Galiza e nela participarán xornalistas que informaron da catástrofe.