O Parlamento europeo acollerá o vindeiro día 16 de novembro a conferencia '20 anos do accidente do Prestige: análise da seguridade marítima en Europa', organizada pola eurodeputada do BNG na Eurocámara, Ana Miranda.
O obxectivo
Segundo explica Miranda, o obxectivo é "analizar que pasos se deron na mellora da seguridade marítima nestes 20 anos e que medidas faltan aínda por tomar para evitar outra catástrofe como a do Prestige".
A conferencia será inaugurada pola eurodeputada Karima Delli, presidenta da Comisión de Transporte do Parlamento europeo. Tamén participarán, entre outros, representantes do movemento Nunca Máis así como do sector pesqueiro e marisqueiro.
Ademais, intervirá Jacob Terlin, representante da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea, para analizar a evolución da seguridade Marítima. Así mesmo, analizaranse outros casos de contaminación mariña en Europa.
Xornada previa
Pola súa parte, o Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza organiza o día 14 unha mesa redonda sobre o tratamento informativo da catástrofe.
Será no Centro Internacional de Prensa da Galiza e nela participarán xornalistas que informaron da catástrofe.