O BNG pide á Xunta que acabe cos concertos con colexios que separan por sexos ao consideralos "machistas e elitistas"

No pleno desta terza feira tamén se debateu unha moción presentada polo grupo socialista referida á situación da mocidade galega en relación coa emancipación
Manuel Lourenzo no Parlamento Galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manuel Lourenzo no Parlamento Galego (Foto: Nós Diario).

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) solicitou esta terza feira á Xunta no pleno do Parlamento galego que acabe cos concertos con colexios que segregan aos alumnos por sexos ao consideralos "machistas e elitistas".

Nunha moción presentada polo Bloque, o deputado Manuel Lourenzo criticou que o Executivo galego continúe financiando cuns dous millóns de euros centros privados "machistas e elitistas" que separan as crianzas por sexo.

Lourenzo lamentou esta "discriminación", subliñando que non debería ser posíbel que os impostos dos galegos se invistan neste tipo de ensino que "financia as elites" e que pretende manter un modelo educativo que "perpetúa os roles de xénero e o patriarcado".

Na mesma liña falou a deputada do PSdeG Noelia Otero, que puxo en valor a nova lei educativa Lomloe por "recoller o avance en cohesión social e a eliminación de calquera tipo de desigualdade".

Pola súa parte, a deputada do PP, Carmen Pomar lamentou que o BNG volva traer ao Parlamento outra moción sobre o mesmo tema. Ademais, destacou que están dentro da legalidade e lamentou a "demagoxia" do Bloque.

Por outra parte, no pleno desta terza feira tamén se debateu unha moción presentada polo grupo socialista referida á situación da mocidade galega en relación coa emancipación, na cal a deputada Noelia Otero pedía á Xunta que aumentase as contías das axudas de alugueiro e que elaborase un plan de acceso á vivenda, ademais doutras políticas públicas para a creación de emprego xuvenil.

Desde o BNG, Paulo Ríos Santomé criticou a "doutrina do deixar facer" da Xunta, solicitando políticas de vivenda e do mercado de traballo para posibilitar que os mozos teñan capacidade económica para poder emanciparse.

Comentarios