O estado de alarma: un paraugas xurídico que limita o control dos Gobernos estatal e territoriais

hostelaria covid bar arxina
Real Decreto do estado de alarma, o Goberno estatal avanzou a súa intención de convencer as forzas do Congreso para estendelo durante seis meses. Os especialistas consultados por este medio coinciden en que a prórroga é legal, mais tamén en que por esta vía estase a limitar o control e fiscalización dos Executivos estatal e territoriais. 

Sete meses e importantes diferenzas separan o primeiro estado de alarma decretado polo Goberno estatal pola pandemia e o segundo, en vigor desde o pasado domingo. O primeiro, aprobado en marzo, estivo marcado polos tirapuxas e as tensas votacións para que unha maioría no Congreso aprobase a súa prórroga. Co actual, a Administración central procura esquivalas ofrecendo unha duración de seis meses a cambio da comparecencia do ministro de Sanidade, Salvador Illa, cada quince días na Cámara.

O Executivo estatal liderado por Pedro Sánchez tamén procura garantir cobertura xurídica aos Gobernos territoriais que aproben limitar os dereitos fundamentais de mobilidade, de circulación ou de reunión. Porque as medidas poden aprobar as Comunidades Autónomas en base ao estado de alarma xa estaban a ser aplicadas. É o caso da Xunta na Galiza, que restrinxiu as reunións sociais a cinco persoas e confinou municipios como Ourense ou O Carballiño. 

Cobertura xurídica

Esas restricións tiñan que ser validadas polos altos tribunais correspondentes, mais nalgúns  non eran ratificadas ficando as medidas sen efecto. Cunha evolución negativa da pandemia cada vez máis acelerada, na pasada semana até once comunidades autónomas solicitaran a aprobación do estado de alarma para poder contar con este paraugas xurídico.

Unha vez decretado, as restricións xa non teñen que ser validadas polo respectivo Tribunal Superior de Xustiza. "Trátase de sortear as pedras no camiño que poñían os tribunais, interpretando de maneira desproporcionada a normativa como aconteceu en Madrid ou no País Vasco", valora Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

De facto, o articulado do Real Decreto recolle a experiencia de casos concretos que suscitaron diversas interpretacións xurídicas ou inseguridade respecto a como artellalos. Por exemplo, dá cobertura a celebración de eleccións autonómicas, despois de que a suspensión das galegas e as vascas en abril, no primeiro estado de alarma, abrise numerosos interrogantes a nivel legal.

Respecto dunha posíbel extensión do estado de alarma, Alba Nogueira fai unha puntualización. "Hai que ter en conta que se estende ese paraugas xurídico, pero isto non ten que implicar que as medidas que tomen as Comunidades Autónomas teñan esa duración. Poden aplicarse moito menos tempo", afirma. Tamén o toque de recoller, a única restrición que entrou en vigor xunto co estado de alarma.

A solución que procura o Goberno estatal ten cobertura na Lei Orgánica que regula o estado de alarma. Porén, suscita dúbidas xa que supón diminuír a capacidade de control e fiscalización dos Parlamentos estatal e territoriais. "A comparecencia dos conselleiros non é obrigatoria", exemplifica a profesora Alba Nogueira.

"Paréceme dunha enorme gravidade que se elimine esta garantía xurisdicional nunha norma excepcional como é o estado de alarma", agrega Fernando Branco, avogado e presidente do Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades (Esculca). 

Dereito a manifestación

Branco amosa unha especial preocupación polo artigo que permite suspender ou prohibir a convocatoria dunha manifestación cando "non quede garantida a distancia persoal necesaria para impedir os contaxios". "Hai un enorme poder discrecional nese articulado, non se recollen elementos regrados claros", advirte.

O avogado argumenta que sen eses elementos regrados non se pon solución a diversidade interpretativa na restrición deste dereito. E lembra ao mes de abril, cando o sindicato CUT recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza a prohibición da delegación do Goberno de manifestarse o 1 de maio. Unha prohibición ratificada polo Alto Tribunal, mentres noutros territorios si se aprobaron actos similares.