Cae o feche de Madrid ás portas da ponte

A xustiza tomba as restricións de entrada e saída de Madrid. 
Unha sanitaria onte na UCI do Hospital Ramón y Cajal (Madrid). 25 % das prazas UCI da capital están ocupadas por pacientes con Covid-19 (Foto:  Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Unha sanitaria onte na UCI do Hospital Ramón y Cajal (Madrid). 25 % das prazas UCI da capital están ocupadas por pacientes con Covid-19 (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

As medidas de restrición da mobilidade ordenadas polo Ministerio de Sanidade e que afectaban desde o pasado 2 de outubro dez concellos da Comunidade de Madrid, incluída a capital, non foron ratificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) ao considerar que vulneraban dereitos e liberdades individuais. Así, a rexión ficou esta quinta feira, 8 de outubro, libre de fechamentos ás portas da ponte do Pilar, data en que a cidadanía da capital adoita desprazarse a segundas residencias noutros territorios do Estado.

A sección oitava da sala do contencioso administrativo do TSXM tiña que ratificar as medidas do Ministerio, mais non o fixo ao considerar que a orde de Salvador Illa -titular de Sanidade- estaba ditada ao abeiro do artigo 65 da Lei de cohesión e calidade do sistema de saúde, un artigo que para os xuíces "non contén unha habilitación legal para estabelecer medidas limitativas de dereitos fundamentais". 

Ao TSXM non avalar a orde ministerial, xa non se puido multar a quen incumprise as medidas sobre mobilidade.

O paradoxo do asunto é que a mesma sección oitava do TSXM si ratificou o pasado 25 de setembro as restricións de mobilidade ditadas pola Comunidade de Madrid sobre 45 zonas sanitarias da capital, a maioría delas situadas en barrios obreiros e populares. "O TSXM tumba o fechamento de Madrid por limitar dereitos fundamentais pero segregaron o sur nun abrir e fechar de ollos. Esta dobre vara de medir é intolerábel", expresou ao respecto o deputado por Madrid Iñigo Errejón (Más País). 

Pola súa banda, na resolución, o TSXM explicou que o marco legal que amparaba as medidas da Comunidade -as que limitaban a mobilidade por distritos- é distinto ao do Ministerio -que limitaban entradas e saídas en 10 concellos-.  

O TSXM recrimina que a orde de Salvador Illa supón "unha inxerencia dos poderes públicos nos dereitos fundamentais dos cidadáns" e recalca que "o sistema constitucional articula instrumentos xurídicos de diversa natureza que ofrecen cauces xurídicos diferentes para delimitar, modular, restrinxir, e mesmo suspender os dereitos fundamentais das persoas, respectuosos coas garantías constitucionais".

Sánchez non descarta o estado de alarma en Madrid

A noticia colleu o presidente español, Pedro Sánchez, en Alxeria, desde onde anunciou que o Executivo recorrerá a todos os instrumentos dispoñíbeis para controlar a evolución do coronavirus na Comunidade de Madrid, que cualificou de "moi preocupante".

Asegurou que a súa vontade é traballar "coa máxima colaboración e cooperación" co Executivo rexional e respectando as súas competencias, pero non descartou decretar un estado de alarma en Madrid. 

O responsábel de Emerxencias do Estado español, o doutor Fernando Simón, non quixo entrar sobre a forma legal máis idónea para evitar a mobilidade, pero apelou ás e aos madrileños a restrinxila. 

O PP pide a dimisión de Illa

O líder do Partido Popular, Pablo Casado, afirmou que a resolución do TSXM dá a razón a Ayuso na súa oposición ás medidas do Ministerio e pon nunha situación "insostíbel" Salvador Illa. Para a deputada do PP Ana Pastor o ministro perdeu "a razón sanitaria e xurídica", e convidouno a "reflexionar, pero desde a casa. O seu tempo pasou xa, señor ministro" dixo a popular, que cargou contra as medidas do Goberno español sobre Madrid acusándoo de "ir pola vida impondo e sen documentos asinados polos técnicos". 

A presidenta de Madrid anunciará medidas laxas

A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, avanzou que quere traballar co Goberno estatal nunha nova orde que inclúa medidas "sensatas, xustas e ponderadas", a cal estará lista ao longo de hoxe, asegurou. Aliás, anunciou que retirará as medidas cautelares presentadas na Audiencia Nacional contra as restricións de mobilidade ordenadas polo Ministerio. Esas medidas, dixo Ayuso, foron "precipitadas, non consensuadas e afectaban dereitos fundamentais".

Comentarios