Todas as novas medidas do estado de alarma: que podes facer e que non

Imaxe de arquivo do anterior estado de alarma en Compostela (Europa Press)

É un estado de alarma descentralizado e cada comunidade ten o poder de aplicar medidas en función das súas necesidades.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este domingo na roda posterior ao Consello de Ministras extraordinario, a aprobación do estado de alarma para todo Estado español, que entou en vigor esa mesma tarde. O seu obxectivo é que esta situación sexa prolongada polas Cortes Xerais durante seis meses, até 9 de maio.

Confinamento nocturno

Entrou en vigor ás 23:00 horas e prolongarase todos os días ata as 6.00 horas, agás Canarias, onde non se fai efectivo este toque de recollemento. Este é o marco xeral aprobado polo Goberno español e que cada territorio pode agora ‘modular’ unha hora ao principio e outra ao final para axustar o confinamento. Así, en Catalunya rexe desde as 22:00, non desde as 23:00.

Hai excepcións nas que si se pode sair á rúa durante ese confinamento e que aparecen recollidos no artigo 5 (Limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno) do decreto publicado no BOE este domingo:

a) Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade.

b) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

c) Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.

d) Cumprimento de obrigacións laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.

e) Retorno ao lugar de residencia habitual tras realizar algunhas das actividades previstas neste apartado.

f) Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

g) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

h) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

i) Reposición en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores.

15 días

O estado de alarma estará vixente polo menos durante 15 días, mais o Goberno quere que as Cortes aproben unha ampliación até o 9 de maio

Confinamento territorial

Os gobernos autonómicos poderán limitar o movemento no seu territorio, impedindo entradas e saídas no mesmo ou ben en determinadas comarcas, cidades, vilas... Nestas restricións á mobilidade fican á marxe aquelas aquelas que sexan por motivos laborais, sanitarios, asistencias ou docentes.

Xuntanzas

O estado de alarma fixa un máximo de 6 non convivintes como o máximo que pode estar reunido. Na Galiza o criterio é máis restritivo, son 5 o máximo, e nalgunhas zonas do noso país, por exemplo Ourense ou Compostela, só se permiten xuntanzas de convivintes.