A taxa de pisos públicos en aluguer no Estado sextuplica a da Galiza

Feixoo construíu entre 2010 e 2020 a metade de vivendas protexidas que o bipartito en catro anos. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Na Galiza, que representa 5'7% da poboación do total do Estado español, tan só se constrúen 1'5% de todas as vivendas protexidas no territorio estatal.

O Congreso do Estado español está a tramitar unha lei segundo a que, cando menos, 50% das vivendas de promoción pública deberían ser destinadas ao aluguer. Porén, a vivenda é unha competencia autonómica, o que deixaría nas mans do Goberno galego o cumprimento coa nova lexislación estatal.

Até o momento, este non é  o camiño que están a seguir as políticas públicas da Xunta da Galiza en materia de vivenda. Atendendo aos últimos datos publicados polo Ministerio de Transportes español con respecto a esta cuestión, pódense observar grandes diferenzas entre as porcentaxes de vivenda pública destinada ao aluguer na Galiza con respecto á media do resto do territorio do Estado.

Mentres que a porcentaxe de vivenda pública en aluguer no total do Estado español é de 24%, aínda moi lonxe do obxectivo que se marca na lei que se atopa en tramitación, na Galiza esta porcentaxe cae até 3,9%. Esta estatística indica, polo tanto, que a taxa de vivenda de protección destinada a aluguer no Estado é seis veces maior que na Galiza, cunha diferenza que supera os 20 puntos.

Segundo o Rexistro Único de Demandantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a finais do ano 2021, estaban rexistradas 14.833 persoas como demandantes de vivendas de promoción pública na Galiza, tanto para aluguer como para compra. Nese momento, a oferta da Xunta da Galiza en ambos os réximes era só de 3.800.

Aínda existindo unha importante demanda, na Galiza, que representa 5'7% da poboación do total do Estado español, tan só se constrúen 1'5% de todas as vivendas desta tipoloxía no territorio estatal.

As grandes cidades concentran a demanda

As sete grandes cidades galegas, onde a vivenda, pola demanda existente, ten os prezos máis altos en comparación cos pequenos concellos, os demandantes de vivendas de protección para compra ou aluguer suman, segundo os datos referidos, un total de 11.366, representando 76,6% do total dos inscritos no rexistro do IGVS.

A cidade de Vigo, con 5.446 demandas figura á cabeza de esa lista. Séguea A Coruña, con 2.444 persoas rexistradas e Lugo con 981. A cuarta praza é para Pontevedra, que suma 953. Por detrás están Compostela, con 751; Ferrol, con 556 persoas demandantes, e Ourense, con 235.

O propio Pacto de Vivenda da Galiza 2021 - 2025 estabelece que as vivendas de promoción pública "constitúen a única forma de acceso a unha vivenda para moitas persoas e familias, de forma especial para as que residen nas sete grandes cidades da comunidade autónoma". Nestas localidades, prosegue, "onde a vivenda libre aínda mantén prezos altos, é onde existe un maior número de persoas con dificultades para acceder á vivenda".

Unha década sen aposta pola vivenda protexida

Entre 2010 e 2020 a construción de vivendas de protección pública caeu na Galiza 86,2%, pasando de 2.261 ás 313. A caída da aposta pola vivenda de protección pública durante o Goberno de Alberto Núñez Feixoo fixo que entre o ano 2011 e o 2019, en nove anos, non se conseguiran superar 3.774 vivendas protexidas construídas só durante o ano 2007. De feito, no período transcorrido entre 2010 e 2020, a Administración liderada por Feixoo construíu a metade de vivendas protexidas que a do bipartito en catro anos.