A compravenda de vivendas medra 22% na Galiza, nove puntos por baixo da media estatal

Das 1.740 transaccións, só 379 se corresponderon con vivendas de nova construción.
Bloque de vivendas en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vivendas en Compostela (Foto: Nós Diario).

A compravenda de vivendas subiu 22,3% o pasado mes de xaneiro na Galiza en comparación co mesmo mes de 2021, até alcanzar as 1.740 operacións, segundo datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, este incremento fica por baixo da media estatal, xa que no conxunto do Estado español a a compravenda de vivenda incrementouse o primeiro mes do ano en 31%, até as 52.684 transaccións.

Entre outras cifras, o total de leiras transmitidas en xaneiro na Galiza foi de 8.815 unidades, o que supón un incremento interanual de 19,2%, próximo á media estatal, que foi de 20,5%, até 187.571 leiras.

Deste total, 2.594 eran leiras rústicas (784 compravendas, 38 doazóns, 30 permutas, 1.137 herdanzas e 605 operacións doutro tipo) e as restantes 6.221 eran leiras urbanas (3.309 compravendas, 95 doazóns, 7 permutas, 1.383 herdanzas e 1.427 operacións doutro tipo). As leiras urbanas transmitidas correspóndense con 3.278 vivendas (1.740 compravendas, 45 doazóns, 2 permutas, 746 herdanzas e 745 operacións doutro tipo), así como 234 solares e 2.709 leiras doutro tipo.

Por último, das 1.740 vivendas que se venderon, a meirande parte, 1.667 unidades, eran vivenda libre, fronte a 73 que gozaban do réxime de protección. Aliás, 379 eran vivenda nova e 1.361 vivenda usada.

Datos estatais

A compravenda de vivendas disparouse 31% o pasado mes de xaneiro no conxunto do Estado, a maior cifra neste mes desde 2008, segundo informou o INE.

O aumento na compravenda de videndas lidérao A Rioxa (+71,4%), seguida de Balears (+53,2%) e Canarias (+40,5%).

No extremo oposto fican Estremadura (+15,7%), Aragón (+9,5%) e, cunha variación interanual negativa —único territorio no que houbo menos transaccións que en xaneiro de 2021—, Nafarroa (-19,7%).

Comentarios