As hipotecas caen na Galiza 3% mentres no Estado español repuntan en case 15%

Os préstamos concedidos no país descenderon de forma significativa en comparanza co mes de febreiro de 2021.
En febreiro asináronse 1.241 hipotecas. (Foto: Paegag)
photo_camera En febreiro asináronse 1.241 hipotecas. (Foto: Paegag)

O número de hipotecas constituídas sobre vivendas diminuíu 3% na Galiza o pasado mes de febreiro a respecto do mesmo mes de 2021, até situarse nos 1.241 préstamos, segundo os datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, o país fica significativamente por baixo da media estatal, xa que no conxunto do Estado español a sinatura de hipotecas sobre vivendas medrou 14,6% en febreiro. Só catro territorios rexistraron descensos: Nafarroa (-2,3%), Galiza (-3%), Asturies (-4,6%) e Aragón (-7,1%).

Comparando co pasado xaneiro, o número de hipotecas na Galiza caeu 7,2%. Pola súa parte, o capital prestado ascendeu 5,8% en comparanza con febreiro do exercicio anterior, mais diminuíu 3,8%, se se ten en conta o dato de xaneiro, até os 138,7 millóns de euros.

Noutra orde, houbo 1.783 hipotecas concedidas a leiras, das cales 50 eran leiras rústicas. O capital total concedido foi de 238,4 millóns de euros.

Datos estatais

A nivel estatal, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas aumentou 14,6% en febreiro, até sumar 36.537 préstamos, unha cifra moi próxima ás 36.702 hipotecas que se asinaron en febreiro de 2020, antes da pandemia.

Sempre segundo estes datos do INE, co avance de febreiro, que modera en case 15 puntos o rexistrado en xaneiro, a firma de hipotecas sobre vivendas encadea doce meses de ascensos interanuais consecutivos.

O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas aumentou 7,6% interanual no segundo mes do ano, até os 141.752 euros, mentres que o capital prestado creceu un 23,4%, até os 5.179,2 millóns de euros.

Comentarios