A OMS advirte dun notábel incremento de casos de varíola do mono e a ONU pide non estigmatizala

A OMS insta a illar e rastrexar os contactos estreitos dos casos positivos de varíola do mono para deter a transmisión. (Foto: Berkay)
Malia que "unha parte significativa dos casos identificouse entre homes que teñen sexo con homes", a ONU explica que o maior risco é o "contacto físico próximo con alguén infectado", e ese risco "non se limita ás relacións homosexuais". "As leccións da resposta á sida mostran que o estigma e a culpa dirixidos a certos grupos de persoas poden prexudicar axiña a resposta ao gromo", engade.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de advertir que nas vindeiras datas seguirán a aumentar os casos de varíola do mono no mundo, unha doenza da que alertou o Reino Unido o pasado 14 de maio após detectar varios positivos, que xa se estenderon a unha ducia de países, entre eles o Estado español.

"A situación evoluciona de tal modo que a OMS cre que haberá máis casos identificados a medida que a vixilancia se estende en países que non son endémicos", precisou, ao tempo que salientou que aínda non foi posíbel estabelecer o foco e a ruta desta vaga de contaxios.

Aliás, cualifica de "feito moi inusual" que se detecten casos positivos ou sospeitosos sen estaren vencellados con viaxes a áreas endémicas, polo que urxe "medidas serias" contra esta enfermidade. Até o momento confirmáronse 92 contaxios, dos cales un terzo (30) corresponden ao Estado español; en concreto, á Comunidade de Madrid. Na Galiza estase a analizar un caso sospeitoso.

"A identificación de casos confirmados e sospeitosos de varíola do mono sen antecedentes de viaxe a unha zona endémica en varios países é atípica, polo que é urxente concienciar sobre a varíola do mono e levar a cabo unha procura exhaustiva de casos e o seu illamento, rastrexo de contactos e coidados de apoio para limitar a transmisión posterior", engadiu a organización.

Estigmatización da varíola do mono

Por outra parte, o Programa Conxunto das Nacións Unidas sobre o VIH/Sida (OnuSida) condenou as informacións e comentarios "estereotipados" sobre a propagación da enfermidade.

Nun comunicado, o ente sinalou que "unha parte significativa dos casos identificouse entre homes que teñen sexo con homes". Porén, matizou: "A evidencia dispoñíbel suxire que quen corren maior risco son quen tiveron contacto físico próximo con alguén infectado, e ese risco non se limita aos homes homosexuais".

"As leccións da resposta á sida mostran que o estigma e a culpa dirixidos a certos grupos de persoas poden prexudicar axiña a resposta ao gromo", lamentaron.

A este respecto, o director executivo adxunto de OnuSida, Matthew Kavanagh, lembrou a "necesidade urxente" de que os líderes políticos "fortalezan a prevención de pandemias a través, en parte, da creación dunha rede  comunitaria máis sólida e unha infraestrutura de Dereitos Humanos para apoiar respostas eficaces e non estigmatizantes aos gromos".