Saúde

Que sabemos da varíola do mono e como podería afectarnos?

A varíola do mono é máis frecuente en crianzas. (Foto: Kaspars Grinvalds)
Fernando Simón afirma que "non é probábel" que esta enfermidade vaia ter unha "transmisión importante", malia que xa se confirmaron casos no Reino Unido e Portugal e no Estado español hai algúns "sospeitosos".
  1. Hai casos de varíola do mono na Galiza?
  2. Como se transmite esta doenza?
  3. Cales son os síntomas?
  4. É unha enfermidade letal?

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Goberno estatal, Fernando Simón, sinalou esta cuarta feira que "non é probábel que a varíola do mono vaia xerar unha trasmisión importante", se ben precisou que "non se pode descartar".

Por iso, sinalou que cómpre ter "moito coidado" e, nese senso, recalcou que están a traballar con todas as hipóteses posíbeis.

Hai casos de varíola do mono na Galiza?

Até o de agora Sanidade confirmou que non se detectaron casos na Galiza; tampouco no conxunto do Estado español —onde xa hai casos sospeitosos—, mentres que si se identificaron no Reino Unido e en Portugal.

A respecto diso, Fernando Simón explicou que a varíola do mono é unha enfermidade que se circunscribía a África e era unha patoloxía parecida ás varíola humana, que se erradicou ao remate da década de 1970 e que se transmitiu dos monos a humanos. En xeral, entre os humanos tiña unha transmisión moi baixa.

Como se transmite esta doenza?

Os gromos, até hai poucos anos, "non tiñan máis dunha segunda xeración de transmisión, mais nos últimos si que se detectaron de até terceira e cuarta xeración, que son gromos moi pequenos, autolimitados". Neste caso, está asociado a grupos poboacionais moi concretos e estase a investigar a causa e, sobre todo, o que máis interesa, a orixe.

Esta variedade da varíola, propia dos simios, transmítese aos seres humanos a través de diversos animais salvaxes, como roedores e os propios primates, mais ten unha propagación secundaria limitada de persoa a persoa.

Nos casos iniciais, a infección prodúcese por contacto directo co sangue, os fluídos corporais, as lesións no pel ou as mucosas de animais infectados.

Cales son os síntomas?

O período de incubación da varíola do mono é de entre 6 e 16 días, malia que pode oscilar de 5 a 21. A infección ten, segundo explica a Organización Mundial da Saúde (OMS), dúas fases. A primeira, de "invasión", que se caracteriza pola febre, cefalea intensa, dor lumbar, dor muscular e falta de enerxía.

O período de erupción cutánea —entre 1 e 3 días despois do inicio da febre—, cando aparecen as distintas fases do exantema, que polo xeral afecta primeiro o rostro e logo esténdese ao resto do corpo.

As zonas máis afectadas son o rostro —95% dos casos—, as palmas das mans e as plantas dos pés —no 75% dos casos—. A eliminación completa das costras pode tardar até tres semanas.

É unha enfermidade letal?

A OMS sostén que a taxa de letalidade nos distintos gromos xurdidos ficou polo xeral entre 1 e 10%, e a meirande parte das defuncións producíronse en rapazas e rapaces de curta idade. Este é, de feito, o grupo etario de maior vulnerabilidade.

Os casos graves prodúcense con maior frecuencia entre os nenos e a súa evolución depende do grao de exposición ao virus, o estado de saúde do paciente e a gravidade das complicacións.

Porén, pódense dar casos sintomáticos tamén en persoas que viven en zonas boscosas ou perto delas e que teñen unha exposición indirecta ou reducida a animais infectados.