O español (30 casos) e o portugués (23 casos) son os estados europeos con máis casos de varíola do mono.
O surto desta doenza suma xa máis de 80 casos confirmados fóra de África e volveu pór en alerta as autoridades sanitarias internacionais. O aumento de casos en Europa levou a Organización Mundial da Saúde (OMS) a convocar unha reunión de emerxencia para analizar a situación desta infección.
En total son oito os países europeos que xa confirmaron casos positivos (Bélxica, Francia, Italia, Suecia, Alemaña, Reino Unido, Portugal e España). Tamén se detactaron casos en Canadá, Australia e Estados Unidos de América.
O maior surto de varíola do mono en Europa
"Este é o maior e máis extenso brote de varíola do mono xamais visto en Europa", afirmaron os servizos médicos militares en Alemaña, onde esta sexta feira se confirmou o primeiro caso. Fabian Leendertz, epidemiólogo da axencia de saúde pública estatal alemá, o Instituto Robert Koch, falou xa de "epidemia".
"Con todo, é moi pouco probábel que esta epidemia dure moito tempo. Os casos poden illarse ben mediante o rastrexo de contactos e tamén hai medicamentos e vacinas eficaces que poden utilizarse se é necesario", tranquilizou Leendertz.
"Sempre debe existir precaución"
O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Estado español, Fernando Simón, manifestou que a varíola do mono "non é unha das enfermidades que ten unha transmisión importante entre humanos", pero "a precaución ten que existir sempre" e débese dar tempo a que leven a cabo as investigacións correspondentes e "valorar correctamente o risco".
O doutor Simón manifestou que a varíola do mono "é un problema de orixe africana e en Europa coñecíanse basicamente casos importados e algunha pequena transmisión local nalgún país, en concreto Reino Unido tivo nos últimos anos algúns casos importados e, a partir desas importacións parece ser que houbo unha transmisión en humanos que foi máis ampla do esperado".