FITUR

Unha oferta turística que non masifica, o modelo da Deputación da Coruña

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, na presentación hoxe dos 'Xeoparques Mundiais da Unesco na Galiza'. (Foto: Deputación da Coruña)
A estratexia de sustentabilidade turística da Deputación da Coruña reflectiuse hoxe en Fitur nos actos da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, Costa da Morte Asociacións Turísticas e o Xeoparque Mundial de Cabo Ortegal, deseñando unha oferta turística que dá prioridade ás residentes locais.

“A primeira grande alianza cun destino turístico da provincia foi coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas”, que constitúen un gran valor “para o turismo da provincia da Coruña e creo que para o da Galiza tamén”, sexa a nivel ambiental ou á hora de xestionar o territorio, asegurou hoxe o vicepresidente e responsábel de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, na presentación da iniciativa na terceira xornada da Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid (Estado español), que remata mañá.

“Afortunadamente, na nosa provincia temos un selo Unesco (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) na Reserva, un selo Unesco no Xeoparque [Mundial de Cabo Ortegal], unha cidade que é patrimonio mundial e a Torre de Hércules que é patrimonio mundial, todo iso a menos de dúas horas de distancia”, incidiu Regueira.

Á vez, sostivo que “a Reserva da Biosfera encaixa perfectamente coa estratexia de turismo da Deputación”, que pivota arredor da sustentabilidade turística, presentada no primeiro día de Fitur, e recoñeceu que “todos os días e todos os anos aprendemos algo da xestión” do proxecto.

Nesa cuestión abundou Diego López, xerente de turismo da Reserva, indicando que “estamos convencidos de que o ecoturismo é o modelo idóneo para exportar”, e destacando que se trata dun “turismo que non masifica” e que “xera espazos de ocio para veciños e veciñas”.

Pola súa parte, o presidente do Consorcio As Mariñas e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, fixo énfase en que se trata do primeiro destino de ecoturismo da Galiza e na cualificación como Destino Turístico Starlight, así como nos múltiples deportes que se poden desenvolver na área. Tamén agradeceu ás institucións o apoio, especialmente a Regueira, “que para nós é un amigo pero fundamentalmente un home que soubo estar sempre coa Reserva".

Xa nun acto da Costa da Morte Asociación Turística (Cmat), Regueira recalcou a diversidade de opcións da zona, e convidou a coñecela “nos meses con R, non só no verán”, iso si, para “gozala con cariño, e respectar, para deixala nas mellores condicións pensando nas 
xeracións futuras”.

Con posterioridade, foi a quenda de ‘Xeoparques mundiais da Unesco na Galiza’, pois o país acumula dous dos 16 cos que conta o Estado español, nunha presentación á que acudiron medio centenar de persoas. En 2019, a Unesco outorgou o título ás Montañas do Courel, e en 2023 ao Cabo Ortegal.

Pablo Moreda, alcalde de Cedeira e que preside a asociación que xestiona o Xeoparque Mundial de Cabo Ortegal, definiuno como “un proxecto transversal, posto que o patrimonio nos leva á cultura”, e intimamente ligado co esforzo co fin de que a “Galiza rural se siga mantendo”.

Ao tempo, apuntou que o xeoparque “non sairía adiante sen o apoio da Deputación da Coruña, neste caso de Xosé Regueira, todo o meu cariño e agradecemento porque o teu compromiso foi fascinante”.

Ademais de salientar "que  aínda non somos conscientes do que significa para o turismo da Galiza ter un xeoparque de interior e ter un xeoparque de costa”, Regueira resolveu que permite “ofrecer un produto de turismo que vai atraer un perfil turístico que é moi interesante”.

No que atinxe ao proxecto de cabo Ortegal, aseverou que “teceu redes de humanidade, de coñecemento do territorio, e sobre todo deu a oportunidade a un anaco de costa”, algo que se vai intensificar por medio do Plan de Sustentabilidade Turística do ente provincial, un dos cinco cos que asistiu a Fitur, que brindará “oportunidades á poboación local” e permitirá “fixar poboación no territorio e aumentar a cota de benestar das persoas que viven alí”, confiando en que é “un territorio que non vai perder a súa autenticidade a pesar de que chegue o turismo ás súas terras”.

Nova proposta para Madrid Fusión

‘A Provincia que sabe’. Esta marca turística e gastronómica será difundida pola Deputación da Coruña no seguinte evento programado para promover a súa estratexia turística coa sustentabilidade como eixo, Madrid Fusión, na capital española, que decorrerá do 29 ao 31 de xaneiro.